BNG insta o Goberno español a iniciar de inmediato a rexeneración da ría de Ferrol
O Bloque Nacionalista Galego insta no Congreso o Goberno español a realizar o estudo comprometido polo Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), dependente do Ministerio de Fomento, no que se analizarán cales son as actuacións idóneas para a rexeneración da ría de Ferrol, dando prioridade á retirada dos lodos que cobren os bancos marisqueiros. A formación nacionalista ve necesario iniciar canto antes a redacción do proxecto para a rexeneración da ría de Ferrol, facilitando que esta necesaria actuación póidase empezar na maior brevidade.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou que “nunha reunión coas Confrarías da ría de Ferrol celebrada a finais de 2018, a propia Subdelegada do Goberno manifestaba o compromiso do Goberno español en realizar un informe para analizar se é posíbel retirar ou mover os lodos do fondo da ría, que están minguando a calidade e cantidade do marisco”. Nesa reunión informouse de que as principais necesidades para recuperar a capacidade produtiva pasan por retirar os lodos, a eliminación dos restos do buque Enterprise nos fondos das Pías e abrir a escollera da ponte da mesma zona.
Esta semana, o BNG logrou que o Parlamento galego aprobase por unha unanimidade a iniciativa presentada pola deputada nacionalista, Rosana Pérez, que insta o Goberno galego, e este o Goberno español, a iniciar de inmediato un verdadeiro proceso de recuperación da produción marisqueira na ría de Ferrol en colaboración coas confrarías da zona, os técnicos da Consellería do Mar e a estación de bioloxía mariña da Graña.
Néstor Rego destacou que as Confrarías e os propios mariscadores e mariscadoras “non poden seguir esperando por unha actuación que nunca chega e necesitan solucións de forma urxente, pois está en xogo o seu medio de vida”. O deputado nacionalista considera necesario que “estas actuacións comecen canto antes para evitar unha deterioración maior, o peche de entidades e a práctica desaparición do marisqueiro na ría de Ferrol”.
O BNG insiste na necesidade de acompañar este proceso de recuperación de medidas de protección económica e social para un colectivo profesional que actualmente se atopa nunha situación de risco e obtendo uns ingresos que apenas lles permite sobrevivir.