O BNG insta o Goberno español a derrogar con urxencia a reforma laboral para salvar os postos de traballo en Alcoa
O BNG cre que aínda que a derrogación íntegra da reforma laboral segue sendo necesaria, é imprescindíbel realizar con urxencia unha reforma lexislativa para recuperar a autorización administrativa dos EREs como antes de 2012.
Néstor Rego: “Precísase unha reforma urxente deste aspecto concreto da reforma laboral, para así garantir que os despedimentos colectivos deban ser negociados e a autorización administrativa sirva de medida presión sobre a empresa para evitar casos como o posíbel despedimento de máis de 800 persoas en Alcoa”.
O deputado do BNG, Néstor Rego, insta o Goberno a través dunha Proposición Non de Lei á derrogación urxente dun dos aspectos máis negativos da reforma laboral para que de forma inmediata se restaure a necesidade de negociar cos representantes dos traballadores e traballadoras as condicións dos Expedientes de Regulación de Emprego ante despedimentos colectivos, e a aprobación administrativa por parte da autoridade laboral, eliminando a posibilidade de despedimentos colectivos por parte das empresas.
Ante a situación de crise económica á que nos imos enfrontar nos próximos meses, e que xa está comezando a manifestarse cruamente, Néstor Rego salienta que “necesitamos unha mudanza urxente deste aspecto concreto da reforma laboral para evitar que sexan as empresas as que podan despedir colectivamente de maneira unilateral”.
O BNG cre que aínda que a derrogación íntegra da reforma laboral segue sendo necesaria, é imprescindíbel realizar con urxencia unha reforma lexislativa para recuperar a autorización administrativa dos EREs como antes de 2012. Neste momento, recuperar o mecanismo de autorización previa permitiría capacidade de negociar con Alcoa para evitar o despedimento colectivo de máis de 800 traballadores e traballadoras.
O deputado nacionalista explicou que “se se restaura o poder de supervisión e intermediación da administración no procedemento, garántase a posibilidade de buscar solucións alternativas á execución dun Expediente de Regulación de Emprego”. É por iso que o BNG ve necesario que, de forma urxente, a través dos mecanismos pertinentes, se derroguen estas disposicións da reforma laboral, ao igual que se fixo con outros aspectos como o despedimento obxectivo por faltas de asistencia ao traballo.