BNG insta o Goberno corrixir o trato discriminatorio á Galiza nos Orzamentos do Estado
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, interpelou a Ministra de Facenda, María Jesús Montero, na sesión de control ao Goberno para a instar a corrixir o trato discriminatorio dado a Galiza nos investimentos previstos no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021.
Néstor Rego lembrou á Ministra que en 2018 o seu propio na Galiza cualificaba os orzamentos de Montoro para o noso país como unha “labazada” do Partido Popular a todos os galegos e galegas. “Se isto é así, o actual goberno do PSOE e Podemos non só mantén a labazada senón que engade outra na outra meixela, reducindo o investimento territorializado no noso País en 104 millóns de euros en comparación cos orzamentos de Montoro” sinalou.
O deputado nacionalista salientou que mentres que “sobe o investimento global en 19%, sobe o investimento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en 56%, baixa o investimento na Galiza en 11%”. Tamén destacou a suba que do investimento territorializado que recibe o arco mediterráneo entre 45% e 83%, en canto na Galiza cae.
Rego subliñou que para o BNG, á hora de explicar o descenso do investimento na Galiza en relación a orzamentos anteriores “non serve a xustificación do AVE porque ademais de que este está sen acabar, temos un déficit e unha débeda histórica en investimentos, especialmente en infraestruturas ferroviarias”.
Neste sentido, Néstor Rego lembroulle a Montero que “os investimentos para Galiza son tan limitados” que se dedica a comparalos cos frustrados orzamentos de 2019, que non chegaron a aprobarse, en vez de facelo cos de 2018, como fan con outras Comunidades autónomas. Ou que durante a intervención no pleno da semana pasada para a defensa do proxecto de Orzamentos por parte do Goberno, a Ministra incorporou partidas destinadas a Asturias, como a modernización do tramo da liña FEVE A Veiga-Cudillero, mentres que para os tramos que discorren por Galiza non hai partidas orzamentadas, “Cero euros, a pesar de que está nun estado calamitoso”.
Rego criticou como “pura demagoxia” argumentar que o BNG prefire os orzamentos de Montoro. “Sabe perfectamente que o queremos son máis investimentos na Galiza”, enfatizou Rego, que asegurou tamén que a formación nacionalista está disposta a traballar para mellorar estes orzamentos, para conseguir que sexan realmente sociais e xustos para Galiza. “Se é así, non dubide de que os apoiaremos, mais para iso, o Goberno ten que moverse e cambiar o trato discriminatorio que dá ao noso País. No caso contrario, terán que explicalo a todos os galegos e galegas” aseverou.