BNG insta o Goberno a convocar a Comisión Mixta e impulsar novas transferencias á Galiza
O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama a reactivación da Comisión Mixta de Transferencias entre Goberno do Estado e Xunta de Galiza para promover a transferencia da titularidade e competencias da AP-9, así como o resto de competencias sobre as que existen acordos parlamentarios, entre elas a de tráfico e seguranza pública.
A transferencia da AP-9 é sen dúbida a reclamación máis sentida hoxe pola cidadanía galega como forma de pór fin á estafa legalizada que supoñen as abusivas portaxes desta autoestrada. Mais son moitas as transferencias pendentes, tendo en conta que nos 12 anos de goberno de Feixoo e do Partido Popular a administración galega non asumiu nin unha soa competencia, nunha política deliberada de minguar a capacidade da Galiza de poder decidir sobre os seus asuntos.
Entre as máis relevantes aínda pendentes está a transferencia das competencias sobre tráfico, transportes, seguranza viaria e seguranza pública, reclamada polo Parlamento da Galiza, mais que choca co desinterese das forzas estatais a pesar de que a cámara galega aprobou xa no ano 2007 a Lei de Policía Galega.
No que ten a ver coa AP-9, a formación nacionalista sinala que o traballo neste organismo non obstaculizaría outras liñas de actuación sobre a autoestrada para rematar cos abusos da concesionaria e aplicar os acordos asinados co BNG no acordo de investidura, nin completar a tramitación da Lei de transferencia xa admitida a trámite no Congreso.
O BNG lembra que o percurso da transferencia da AP-9 é longo. No ano 2015 o Parlamento da Galiza aprobou unha proposición de Lei Orgánica que sería vetada polo Goberno do Estado presidido por Mariano Rajoy. A comezos da X Lexislatura volveuse a aprobar e a vetar en 2017 polo mesmo executivo estatal. Unha terceira proposta, con unanimidade parlamentaria, foi aprobada en 2018, superou o veto do Goberno do Estado e foi admitida a trámite, mais o contexto electoral paralizou a tramitación da Lei. Houbo que esperar a 2021 para que fose de novo debatida e admitida a trámite polo Congreso.
“Levamos máis de cinco anos de demora dunha iniciativa que é unha reivindicación, xa non só do BNG, senón do conxunto da cidadanía galega” explica o representante do BNG no Congreso, Néstor Rego. Por este motivo, o deputado nacionalista insta a que se inicien os contactos e as negociacións precisas coa Xunta de Galiza para “convocar a Comisión Mixta de Transferencias que impulse a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico”, sen renunciar ao resto de competencias “sobre as que xa existen acordos parlamentarios co asentimento de todas as forzas políticas representadas na cámara galega”.
O deputado do BNG considera “urxente abrir a vía da negociación directa entre Goberno do Estado e Xunta” mais entende que esta convocatoria “non debe obstaculizar outras liñas de actuación referidas á AP-9” nin tampouco impedir “completar a tramitación parlamentar no Congreso da Lei de transferencia da autoestrada” xa admitida a trámite.
A mellora da xestión da concesión ou rematar cos abusos da concesionaria son algunhas das accións que se teñen que realizar de maneira inmediata, así como “levar a cabo o acordo impulsado polo BNG para as aplicación de bonificacións que reduzan sensibelmente o prezo das portaxes e o estudo sobre o rescate da concesión para conseguir a gratuidade da autoestrada”.
“Hai que rematar co agravio comparativo con outras infraestruturas da mesma época que xa son gratuítas ou o serán nos próximos anos. Todas pagamos os máis de 4.000 millóns de euros no rescate das radiais madrileñas e agora o Goberno do Estado racanea 55 millóns de euros para pór en marcha os descontos da AP-9 que xa contan con partidas específicas nos Orzamentos Xerais aprobados” recrimina Néstor Rego.