O BNG insta a que dimita o alcalde de Santiago ou o PP será cómplice do que pase no futuro
Hoxe é un día pésimo para a imaxe de Santiago de Compostela e para a credibilidade do Concello como institución, pola presenza do alcalde e do seu xefe de gabinete nos xulgados de Lugo en calidade de imputados no marco da operación Pokemon, explicou. Así, fixo un chamamento á responsabilidade política do alcalde con todos os veciños e veciñas de Santiago e non lle queda outra opción que dimitir de xeito inmediato; Currás non pode seguir agochándose nin eludir as súas responsabilidades políticas, ten que dimitir xa.
Ademais, volveu esixir que se convoque de inmediato o Pleno extraordinario do Debate do Estado do Concello porque non se lle pode furtar á veciñanza o dereito a que se fale no Pleno do mesmo do que se fala hoxe na rúa e, ante unha situación tan grave coma esta, é necesario que se debata sobre o acontecido e sobre o futuro da cidade.
Hai unha fractura e guerra aberta no PP de Santiago que están a pagar @s veciñ@s da cidade
Rubén Cela cualificou a situación de insostíbel e engadiu que o ambiente que existe no grupo de Goberno do PP é irrespirábel, cun clima de fractura e de guerra aberta que provoca un auténtico descontrol e desgoberno no noso Concello. Polo tanto, dixo, as consecuencias negativas deste proceso estanas a pagar os veciños e veciñas de Santiago de Compostela.
O portavoz municipal nacionalista esixiulle ao alcalde, así mesmo, unha aclaración das informacións publicadas nun medio de comunicación que apuntan a unha reunión e á manipulación dun documento que forma parte do expediente da escola infantil de Salgueiriños para tratar de inculpar, presuntamente, a unha concelleira do seu propio partido. A veciñanza ten dereito a saber se existiu esa reunión nos termos que se relatan, porque sería gravísimo, indicou.
O grupo de Goberno do PP chegou a esta situación pola falta de rigor, de responsabilidade e mala práctica do alcalde cando era concelleiro de Educación, dixo, porque sabía cando remataban os contratos, entre outra cousas, porque asinou a prórroga dos mesmos; porén non fixo nada para tramitar en tempo e forma a continuidade deses servizos. Dende o mes de xuño se está prestando un servizo sen ningún tipo de amparo legal, contractual, sen pagarlle á empresa e, como consecuencia, a empresa non lle paga aos traballadores e traballadoras, engadiu en relación á concesión a Sermasa do servizo de limpeza e conserxaría dos centros educativos, con ISS na limpeza da casa do concello e con outras empresas.
Traballadores/as sen cobrar pola irresponsabilidade do PP
Hoxe temos a certeza de que esas facturas non se tramitaron porque non houbo ningún concelleiro nin ningunha concelleira do grupo de Goberno que quixera asumir esa responsabilidade, afirmou, e no BNG parécenos gravísimo e intolerábel que por culpa da irresponsabilidade do grupo de Goberno do PP hoxe hai en Santiago de Compostela 55 familias que non cobraron o seu salario por un traballo realizado.
Ademais, Rubén Cela engadiu que o alcalde de Santiago faltou ao respecto e á verdade cando dixo descoñecer esta situación logo de que o BNG anunciase os impagos e a irregularidade contractual con Sermasa. Hoxe sabemos que o documento que se ía presentar para a convalidación do crédito extraordinario desas facturas levaba data do 3 de decembro e este tema estaba enriba da mesa do alcalde dende hai moito tempo, sinalou, tal como corroboran os documentos publicados.