O BNG insta a creación de axudas para estudantes da Universidade cuxas familias fosen afectadas economicamente pola COVID-19
Trátase de garantir que ningunha persoa que queira iniciar ou completar estudos universitarios teña que renunciar a facelo como consecuencia da situación económica provocada pola crise sanitaria.
Néstor Rego salientou que estas axudas deben contemplar a situación derivada da COVID-19 e ter en conta, non a situación económica do ano pasado, senón a actual, arbitrando medidas de forma conxunta entre as universidades e as administracións públicas implicadas.
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición non de Lei para regular de forma urxente o comezo do próximo curso universitario cunha liña de axudas específica que, atendendo só a criterios económicos e que sendo compatíbel co resto das bolsas ordinarias, facilite tanto o acceso aos estudos universitarios como a continuación dos mesmos por parte de todas as e os estudantes garantindo así, que a redución de ingresos familiares pola crise da COVID-19 non sexa un obstáculo para o acceso á formación universitaria.
O BNG defendeu sempre unha universidade pública, galega, gratuíta e conectada coa realidade de Galiza. O deputado Néstor Rego salientou que “apostar pola formación da nosa mocidade, polo coñecemento e a innovación é fundamental para o futuro do noso País e para mellorar a calidade de vida e de benestar de todos os galegos e galegas. Por iso, non podemos permitir que persoas que teñen a intención de iniciar ou completar estudos universitarios, non poidan facelo como consecuencia da situación económica provocada polo coronavirus".
Para evitar que a crise económica non afecte á formación e á investigación universitaria, capital de futuro, os nacionalistas consideran unha cuestión urxente de cara ao inicio do curso e que se garanta que ningunha persoa xa matriculada quede sen a posibilidade de continuar os estudos por cuestións económicas ou que ningún/ha estudante cuxo pai ou nai tivese que pechar o seu negocio ou quedase no paro, vexa frustrada a súa oportunidade de acceder ao sistema universitario. Por iso o BNG considera que estas axudas deben contemplar a situación derivada da COVID-19 e ter en conta, non a situación económica do ano pasado, senón a actual, arbitrando medidas de forma conxunta entre as universidades e as administracións públicas implicadas.