O BNG insta ao goberno do Estado a impulsar unha demanda civil para recuperar o Pazo de Meirás
Concentración ante a Delegación do Goberno contra a impunidade e o espolio do Franquismo, no 43 anos aniversario da morte do ditador
Jorquera: “Reclamamos a devolución da Casa Cornide para A Coruña”
Cela critica a inacción do Executivo de Sánchez: “Galiza non pode quedar excluída da axenda de recuperación da memoria”
O BNG reclamou cunha concentración simbólica ante a Delegación do Goberno que o Executivo central mova ficha dunha vez e actúe para conseguir a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego e poñer fin aos privilexios que aínda teñen os herdeiros do Franquismo cando se cumpre 43 anos da morte do ditador.
Rubén Cela pola Executiva nacional, Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía da Coruña, e Isabel Reimúndez, concelleira nacionalista en Sada, encabezan o acto de protesta do Bloque.
Cela denunciaba “que continúa a impunidade e os privilexios ilexitimamente adquiridos pola familia Franco” e, pese ao cambio na Moncloa, “non vemos ningún indicio que permita deducir calquera tipo de actuación práctica por parte do Goberno español dirixida á presentación dunha demanda civil para a devolución do ben espoliado”.
Por iso, tras a concentración, o BNG entregou un escrito na propia Delegación solicitando formalmente do Goberno do Estado que coa maior urxencia presente unha demanda civil a fin de recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público, atendendo aos informes emitidos por diferentes institucións en que se avala a presentación dunha demanda civil.
Cela tamén lembrou que o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade reclamar ao Estado iniciar un proceso civil de devolución do Pazo de Meirás. “Apoiamos o traslado dos restos de Franco, mais non pode ser que Galiza non forme parte da axenda de iniciativas pola recuperación da dignidade, da memoria histórica e contra o franquismo”, salientou.
Espolio disfrazado de poxa na Coruña
O espolio da Casa de Cornide está documentado polos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, que dan contan “dunha trama, na que interveu o Concello da Coruña, o Ministerio de Facenda, o Ministerio de Educación e a Casa Civil do Caudillo para enmascarar como poxa o que foi un espolio para contentar a Carmen Polo”, explicou Jorquera. “É hora xa de que se devolva este edificio singular ás coruñesas e coruñeses”, salientou, lembrando tamén as esculturas do Pórtico da Gloria “cuxa recuperación se impulsou desde o BNG”.
A portavoz nacionalista en Sada, Isabel Reimúndez, subliñou que o Pazo de Meirás “é un símbolo de reivindicación popular e institucional maioritario da sociedade galega, unha exixencia democrática básica, ademais dun xeito de lle facer xustiza ás vítimas directas do espolio e para avanzar na reparación á totalidade das vítimas do franquismo”, explicou.
“Como veciña de Sada e como membro da corporación municipal, quero manifestar que é o momento de dicir basta e de facer xustiza, a sociedade galega está a facer a súa parte, toca agora que o Goberno central faga a súa. E para iso estamos aquí”, proclamou Reimúndez.