BNG insta ao goberno a anular a Orde “rectificadora” das bases para acceder ás axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios por lesiva para os produtores e produtoras
Xosé Luís Rivas acusou ao PP de rectificar a orde para beneficiar a empresas e industrias sancionadas por prácticas de “extorsión” contra produtores e produtoras de leite
Lamentou que o PP votara en contra da proposta do BNG para rematar coas prácticas abusivas e “deleais” das industrias transformadoras e comercializadoras de produtos agrarios
O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) instou á Xunta a anular a Orde que rectifica as bases para acceder ás axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios e que “xustifica os abusos da industria contra os produtores e produtoras”.
Na defensa da proposición non de lei, que foi rexeitada polo PP, Rivas explicou que a Orde de 30 de decembro do ano 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de desenvolvemento Rural (FEADER, para o exercicio orzamentario de 2023), incluía no artigo 6 a disposición para “non conceder nin pagar axudas a solicitantes ou beneficiarios obxecto de sanción firme grave ou moi grave” co fin de mellorar o funcionamento da cadea alimentaria nos dous anos anteriores á data da solicitude ou pago da axuda.
Asemade, Rivas engadiu que, a orde de axudas tamén insistía na devolución das cantidades percibidas no caso de seren obxecto de sanción firme grave ou moi grave en base ao previsto na Lei 12/2013, nos cinco anos posteriores ao pago da axuda.
Sanción a INLEIT por prácticas abusivas aos produtores e produtoras de leite
A xuízo do nacionalista, tratábase “dunha medida para evitar abusos da industria sobre o colectivo de produtoras de alimentos e para salvagardar o fondos públicos nas man das industrias que usan prácticas de extorsión”. Pero, o que a lei non tiña previsto era a sanción da Axencia de Información e Control alimentario á empresa “amiga do PP”, INLEIT cunha sanción grave de 9.000 euros por “irregularidades nos contratos cos produtores de leite”. INLEIT, dixo, “accedeu nos últimos tempos a axudas de máis de 7 millóns de euros e descoñecemos a canto ascenderán este ano 23”.
Ante esta circunstancia, a consellería de Medio Rural reaccionou o 21 de abril deste ano publicando unha modificación para suprimir o punto 3 do artigo 6 que penalizaba estas prácticas.
Para o nacionalista, a rectificación “interesada” constata a “conivencia do Partido popular con algunhas industrial que levan demostrado un comportamento “desleal” cos produtores lácteos e sitúanos ante unha “chapuza xurídica” modificando unha orde de axudas despois de transcorrido o período de presentación das axudas.
Resulta evidente, recalcou o deputado do BNG que queda en “entredito” o principio de transparencia e dende o punto de vista formal, “este tipo de irregularidades non propician a seguridade xurídica que debe presidir toda actuación administrativa”.
Tras a intervención do portavoz popular, Jesús Miguel Prado Patiño que xustificou a “rectificación” das bases, e anunciou que na concesión das vindeiras axudas a consellería estudaría posibles irregularidades, Xosé Luís Rivas reiterou que, unha vez máis, o Partido popular “xustifica o inxustificable” para seguir beneficiando ás industrias e empresas amigas, “con prácticas mafiosas” e contratos que “prexudican gravemente aos produtores e produtoras”. O nacionalista reprobou que a consellería de Medio Rural continúe “vendendo fume e engaiolando aos produtores e produtoras” con “falsas promesas” ao tempo que pon en marcha medidas contrarias para o desenvolvemento rural.