BNG insiste en que Defensa debe retirar toda simboloxía franquista da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
O anuncio de Defensa de mudar o nome de nove rúas do arsenal de Ferrol, realizado após o rexistro de iniciativas do BNG, é un primeiro paso máis claramente insuficiente.  

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Ministerio de Defensa cumprir coa Lei de Memoria Histórica e retirar toda a simboloxía franquista que aínda segue presente en distintos inmóbeis pertencentes a Defensa. Lembra que, tanto a organización nacionalista como colectivos memorialistas, levan anos reclamando ao executivo que se adopten as medidas necesarias para a retirada dos escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións de exaltación da sublevación militar e mesmo da represión da Ditadura para dar cumprimento á lexislación vixente. A anunciada retirada dos nomes do Arsenal militar, despois que o BNG rexistrara outra iniciativa neste sentido, é un primeiro paso, mais non é suficiente.

O Boletín Oficial de Defensa recolle o cambio de nome de nove rúas do recinto militar de Ferrol após coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo sobre a denuncia interposta polo colectivo de presas e presos de Ferrol na ditadura que reclamaban o cambio de denominación. De facto, a formación nacionalista, tamén rexistrara o pasado mes de febreiro iniciativas nese mesmo sentido para exixir o cumprimento da lexislación vixente por parte do Goberno.

“É un comezo, un primeiro paso, pero claramente insuficiente” subliña o deputado Néstor Rego, “queda aínda moita outra simboloxía franquista que o Ministerio segue sen retirar como escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar e da represión da Ditadura”.

Existen moitos outros exemplos de simboloxía do franquismo que aínda perduran e que tanto organizacións memorialistas como o propio BNG teñen reclamado sexan retirados. Así, reclaman eliminar o escudo franquista localizado no cuartel Sánchez Aguilera e a “simboloxía presente na igrexa castrense de San Francisco e, en especial, a placa con referencia ao bautismo de Francisco Franco Bahamonde”.

Tamén pode destacarse que segue manténdose o nome da residencia de estudantes “Tenente Xeral Barroso” situada en Santiago de Compostela ou que continua sen ser corrixida a información que ofrece o Museo Histórico Militar da Coruña que obvia realidades históricas relativas a Francisco Franco, ao Marqués de  Cavalcanti, José Luis Romero Corral ou a Sergio Peñamaría Chairo, sen mencionar a ditadura nin a implicación na mesma dos nomeados nela.

Así mesmo, a organización nacionalista require ao Ministerio de Defensa retirar o nome da Sala de Honra Tenente Xeral Yagüe, situada no Palacio da Capitanía Xeral na cidade da Coruña, e o escudo franquista no Cuartel Militar de Atocha na Coruña situado na porta do Comandante de Garda.

“É responsabilidade do Ministerio cumprir co mandato legal e iniciar o procedemento pertinente para proceder á eliminación de toda a simboloxía franquista. Non pode seguir ignorando as denuncias cidadás que reclaman o cumprimento desta obriga do Goberno do Estado e o respecto dos principios de verdade, xustiza e reparación” reivindica Rego.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG