Galegas 2024

BNG incorporará técnicas de Igualdade no cadro de persoal público da Xunta

Igualdade

Luís Bará avanza que o Bloque dende o goberno galego recuperará a materia de Igualdade de xénero na ESO e no Bacharelato

Anunciou a creación da Valedoría de Igualdade e o Instituto Galego das Mulleres

O BNG incluirá prazas de técnicas de Igualdade na oferta de emprego público da Xunta. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, confirmou hoxe este compromiso, sinalando que é preciso que as institucións públicas, nomeadamente a administración galega, teña este tipo de persoal propio en materia de Igualdade para traballar de maneira continuada no tempo e cunhas condicións laborais xustas.

O cabeza de cartel respondeu así ás peticións do colectivo de técnicas de Igualdade de Galiza coas que se reuniu hoxe, e das que escoitou as súas preocupacións pola falta de amparo lexislativo e de recoñecemento da súa figura dende a creación do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade no ano 2017 até hoxe.

Bará, acompañado da tamén candidata Marta Gómez, confirmou a coincidencia do BNG coas premisas do colectivo, defendendo a necesaria mellora da situación laboral precarizada baixo licitacións ou contratos subvencionados con poucos meses de traballo, situación que se repite cada día ao traballar coas administracións de diferentes niveis.

Recoñeceu, así mesmo, que é preciso fomentar a información sobre a figura das técnicas de igualdade entre institucións e empresas de ámbito privado para que se elimine das ofertas de traballo a premisa de contar cun grao académico, e compartiu a necesidade de que a formación dos estudos de ciclo específicos para exercer se faga de maneira presencial e non en liña.

O candidato aproveitou a cita coas técnicas de Igualdade para garantir tamén que coa chegada do BNG ao goberno galego recuperarase a oferta da materia de Igualdade de xénero eliminada no curso 2023-24 polo PP no Ensino Secundario e no Bacharelato.

Apostou Bará por promover unha educación non sexista e coeducativa, facendo que todo o material curricular no ensino estea fundamentado no principio de igualdade entre mulleres e homes, establecendo medidas destinadas ao recoñecemento e ensinanza do papel das mulleres na historia, no pensamento, na ciencia e, en xeral, na sociedade. Avogou, así mesmo, por elaborar, de maneira dialogada cos distintos axentes, un Plan galego de educación afectivo-sexual que garanta o dereito do alumnado a unha educación integral.

Por último, o número un pola provincia explicou que o Bloque creará unha ‘Valedoría de Igualdade’ como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación, directa ou indirecta por razón de xénero, con funcións de investigación, asesoramento, mediación e elaboración de propostas de sanción para a promoción da garantía do cumprimento do principio de igualdade.

Tamén anunciou a posta en marcha do ‘Instituto Galego das Mulleres’ como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galiza. O seu obxectivo será a promoción das condicións que promovan a igualdade e supriman todos os obstáculos que a impiden así como a eliminación de todas as formas de discriminación das mulleres en Galiza.