BNG impulsará as comunidades enerxéticas para abaratar a factura da luz de familias e empresas usando enerxía limpa de quilómetro cero
Reuniuse con representantes das comunidades locais de enerxías renovables de Buchabade (Ponte Caldelas), Tameiga (Mos), Liñares (As Neves) e Moaña Solar
O BNG impulsará as comunidades enerxéticas para abaratar a factura da luz de familias e empresas usando enerxía limpa de quilómetro cero. Así o manifestou hoxe o cabeza de cartel do Bloque na provincia para as eleccións do vindeiro 18F nunha reunión con representantes das comunidades enerxéticas de Buchabade (Ponte Caldelas), Tameiga (Mos), Moaña Solar (Moaña) e Liñares (As Neves), ás que puxo como exemplo de alternativas xustas, equitativas e de menor impacto na produción de enerxía renovable.
Bará asegurou que “fronte ao modelo do oligopolio eléctrico, o modelo do Partido Popular que está ao servizo de grandes grupos económicos que espolian os recursos do noso país, o BNG dende o goberno vai impulsar o empoderamento e a toma de control cidadá da produción, do consumo e do abastecemento enerxético”.
Unha das primeiras medidas do Bloque no goberno galego, atendendo ao ámbito local, será impulsar unha alternativa enerxética de proximidade baseada no autocosumo colectivo e nas comunidades enerxéticas para que tanto empresas como familias poidan abastecerse de enerxía limpa de quilómetro cero.
Dende o ámbito normativo, comprometeu Bará, haberá medidas de apoio e asesoramento, incentivos fiscais e simplificación administrativa para primar este tipo de proxectos. “Isto permitirá abaratar a factura enerxética e ademais prestar outros servizos como a venda de excedentes, a dixitalización da rede e tamén a mobilidade eléctrica”, enumerou.
Sinalou que, en colaboración cos concellos, crearanse tamén as ‘Oficinas de transición enerxética’ para asesorar ás comunidades locais, cooperativas, pemes, asociacións e empresas en xeral no aproveitamento e desenvolvemento de proxectos de produción e abastecemento enerxético de proximidade mediante distintos tipos de tecnoloxías como a solar, fotovoltaica ou as redes de calor.
Bará recoñeceu o traballo feito por proxectos pioneiros como o de Tameiga, con 225 kw xerados en paneis para autoconsumo do centro cultural; o da cooperativa de Liñares para dar servizo inicialmente a 50 vivendas, ao centro social e o cemiterio con placas fotovoltaicas; da cooperativa de Buchabade formada por 80 persoas socias, varias pemes e as comunidades de montes e de augas, con 145 kw en dous proxectos fotovoltaicos; ou Moaña Solar, que pretende ser a primeira comunidade enerxética da comarca do Morrazo e subministrar a 180 familias, o que permitirá aforrar ata 731 toneladas de emisións de dióxido de carbono en 30 anos.
A enerxía galega, ao servizo do país
A proposta do Bloque en relación á enerxía, dixo Bará, baséase na participación pública ao servizo do país e das súas necesidades, sendo respectuosa co medio e as persoas que viven e traballan no rural, co obxectivo de promover o desenvolvemento económico e industrial creando emprego de calidade nas cadeas de valor.
O número un do agrupamento nacionalista pola provincia explicou que o BNG ten programado un conxunto de medidas estratéxicas. Sinalou como prioritario un novo Plan sectorial eólico baseado no desenvolvemento ordenado, con garantías xurídicas, con participación social e sometido a avaliación ambiental estratéxica, nun marco como o actual de invasión dos eólicos e das súas infraestruturas asociadas.
En segundo lugar apuntou que o BNG creará unha empresa pública de enerxía, produtora e comercializadora, que operará no mercado xunto a outros axentes, e que priorizará o abastecemento á propia administración, ás empresas e tamén ás familias máis vulnerables. En terceiro lugar, “impulsaremos e negociaremos co goberno central”, confirmou, a posta a disposición dunha tarifa eléctrica galega para compensar a fogares e empresas pola condición de Galiza de excedentaria na produción eléctrica e polos danos ambientais que provocan as infraestruturas enerxéticas, “de maneira que teñamos unha tarifa máis barata”.