BNG impulsa a resolución do Parlamento galego para desbloquear a tramitación no Congreso dun fondo de compensación para as vítimas do amianto en 3 meses
BNG acadou o acordo no Parlamento para aprobar por unanimidade unha resolución que inste ao Congreso dos Deputados e Deputadas a desbloquear a tramitación da proposición de lei de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto nun prazo de tres meses.
Nunha iniciativa defendida na comisión 6ª da Cámara galega, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, recordou que o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, presentou hai xa un par de meses unha solicitude á Mesa da cámara baixa estatal para que peche dunha vez o prazo para a presentación de emendas, prorrogado 20 veces dende que a proposición non de lei fora tomada en consideración o 13 de abril de 2021.
Fernández tamén lembrou que se ben a iniciativa chegou ao Congreso da man do Parlamento vasco, “trátase dunha reivindicación compartida por todas as asociacións do Estado español, e moi especialmente por AGAVIDA, Asociación Galega de Vítimas do Amianto que, xunto coa vasca é a máis importante a nivel estatal por número de persoas afectadas e que leva moitos anos facendo un traballo denodado e intenso de socialización, sensibilización, asesoramento e tamén de denuncia”.
Neste sentido, apuntou que en Galiza aínda poden aparecer moitos casos, segundo os expertos, e indicou que só en Ferrol, “onde os efectos do amianto foron e son devastadores e ten a súa sede a consulta especial do SERGAS para a asbestos, están a facer seguimento a día de hoxe a unhas 1.200 persoas afectadas.
Logo de sinalar o consenso político no Congreso, con excepción de VOX, que invita ao optimismo sobre a creación do fondo, o deputado nacionalista apuntou á necesidade de acelerar a súa tramitación porque as persoas afectadas “literalmente non teñen tempo que perder porque a enfermidade non concede prórrogas”. Así, advertiu que os afectados e afectadas son vítimas de “incumprimentos moi graves en materia de seguridade e saúde laboral e de condutas culposas, tal e como recollen innumerábeis sentenzas e resolucións”.
Fernández indicou que, dado que o proceso do recoñecemento do dano e reparación económica é longo e complexo, cómpre un instrumento áxil e especializado como existen xa noutros estados da UE ou en Gran Bretaña, polo que considerou fundamental non paralizar a tramitación da creación do fondo. De igual xeito advertiu que, logo das emendas, aínda quedaría pendente o desenvolvemento regulamentario, o que significa que, sendo áxiles, queda moito para que as vítimas vexan satisfeitas as súas demandas”. “Non parece de recibo que os trámites ordinarios se prolonguen más alá do necesario”, subliñou, para concluír manifestando que sería recomendable que no consello reitor do fondo estiveran representadas as asociacións de vítimas, a comunidade científica e os sistemas de saúde das zonas afectadas, no caso galego, do Sergas.