BNG impulsa no Parlamento unha campaña informativa sobre as tarxetas revolving e mediación para recuperar o pagado ilegalmente
BNG acadou a unanimidade do Parlamento para que a Xunta poña en marcha unha campaña sobre o contido e xeito de contratación das denominadas tarxetas revolving, así como un sistema de orientación e mediación a fin de que as persoas prexudicadas poidan obter a devolución das cantidades ilegalmente satisfeitas. De igual xeito, o acordo parlamentario inclúe que o Goberno galego, a través do Instituto Galego de Consumo, continuará promovendo accións dirixidas a poñer en coñecemento da Fiscalía, co fin de impulsar procedementos tendentes á cesación das cláusulas abusivas nos contratos financeiros.
Na defensa dunha proposición non de lei neste sentido e logo de recordar o acontecido coas preferentes ou as cláusulas abusivas contidas nalgúns préstamos hipotecarios, o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, apuntou á “nova situación de abuso” por parte de entidades financeiras, “tendo constancia que a meirande parte das persoas prexudicadas aínda non teñen consciencia da realidade e os prexuízos que sofren”.
Segundo explicou, os préstamos derivados das tarxetas revolving (tarxetas de crédito ao consumo de rápida concesión, “sen moita comprobación previa” e comercializadas en múltiples ocasións por grandes superficies ou grandes cadeas de comercio téxtil ou de alimentación) impoñen uns xuros “moito máis elevados que os de ordinaria aplicación noutras operacións financeiras”, posibilitando o acceso a un crédito -non moi elevado e pensado para as compras en establecementos comerciais- e a retirada de pequenas cantidades en caixeiros.
“O crédito vai vir determinado polas disposicións efectuadas, polas comisións aplicadas a outros gastos que se repercutan, así como polos xuros indicados no contrato que adoitan ser dun nominal de preto do 25%, sendo o TAE (Taxa Anual Efectiva) varios puntos superior”, incidiu, para a continuación recalcar que os xuros aplicados por distintas entidades financeiras xa foron cualificados como “usurarios por moitas das nosas Audiencias e tamén pola sala primeira do Tribunal Supremo”.
O deputado nacionalista advertiu tamén que a liquidación mensual do crédito e as comisións aplicadas, así como a inexistencia dun cadro de amortización previo “provocan que esteamos a falar de créditos que, sen sabelo a persoa consumidora, se converten en quais perpetuos” e, para evidencialo, exemplificou cun suposto real: “un crédito de límite 3.000 euros, resulta que dous anos despois da destrución física da tarxeta, e a pesares de atender regularmente o pagamento das cotas, resulta que a final de ano a débeda financeira é superior á existente ao principio da anualidade”.
Tabarés advertiu que o número de demandas existente actualmente sobre este produto, xunto cos monitorios de fondos voitre e outros abusos bancarios, están a producir “un colapso nos xulgados dos principais partidos xudiciais galegos”, ao que engadiu que existe a convicción de que un número elevado de persoas prexudicadas aínda non é consciente da situación provocada pola contratación destas tarxetas, polo que considerou máis que necesarias as medidas aprobadas na comisión parlamentaria de Institucional e Xustiza a iniciativa do BNG.