BNG impulsa unha Lei para derrogar realmente a reforma laboral do PP
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, dá a coñecer a Proposición de Lei rexistrada na cámara baixa conxuntamente con ERC e Bildu para a recuperación plena dos dereitos para os traballadores e traballadoras que non foron incorporados na modificación realizada polos partidos que conforman o Goberno. Nesa altura, o BNG denunciou que a norma proposta non derrogaba a reforma do PP e que supuña un incumprimento das promesas e compromisos estabelecidos. Rego avanza o rexistro de iniciativas para coñecer canto custa aos galegos e galegas a regata e as vacacións do “Borbón fugado" en Sanxenxo.
A iniciativa- rexistrada de maneira conxunta con EH Bildu e ERC- procura recuperar plenamente os dereitos da clase traballadora que foron arrebatados pola Reforma Laboral do PP de 2012. Na recente modificación, o BNG votou en contra porque a norma aprobada incumpría o compromiso adquirido polos partidos do Goberno de derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral de 2012. De facto, só hai un aspecto que se derroga e algún outro que se modifican.
“Con esta Lei queremos recuperar aqueles dereitos que foron roubados. En particular, un dos máis relevantes como a facilidade para despedir e o abaratamento do despedimento, mesmo improcedente, que pasou de 45 a 33 días” destaca Rego.
A proposta do BNG quere recuperar o custo de indemnización anterior á Reforma Laboral de 2012, así como os salarios de tramitación no caso dos despedimentos improcedentes e reinstaurar a autorización administrativa previa da autoridade laboral no caso dos despedimentos colectivos.
Así mesmo, a organización nacionalista recolle na súa proposición de lei que non se poidan producir descolgues dos convenios por parte das empresas e que non poida haber modificación das condicións laborais ou de xornada sen que exista- como antes estaba recollido- un acordo previo coa representación laboral.
“Tamén incluímos algunhas medidas que poñan control á subcontratación para a equiparación real de dereitos dos traballadores e traballadoras e para que haxa un refortalecemento da negociación colectiva. Particularmente, da prevalencia dos convenios sectoriais sobre o da empresa -non só nos salarios- así como a prevalencia dos convenios de ámbito provincial ou galego sobre os convenios de ámbito estatal” sinala o deputado do BNG.
Esta Proposición de Lei “recolle o sentir maioritario da sociedade” que “podería ser posíbel xa se non houbese un incumprimento das promesas electorais e dos compromisos asinados por parte do PSOE e de UP”. Rego destacou que se existe vontade política nos partidos que compoñen o Goberno “é posíbel recuperar estes dereitos para os traballadores e traballadoras” especialmente importante neste contexto de crise.
Entre as cuestións que a norma de Yolanda Díaz modifica están as novas modalidades de contratación que, por si soas, "non rematan coa temporalidade, nin coa precariedade así como tampouco se limita a subcontratación. Os contratos temporais pasan a ser contratos fixos descontinuos- que computan estaticamente como contratos indefinidos- mais non quere dicir que as persoas vaian traballar máis tempo, nin evita fraude, especialmente se non houber control, indica o deputado do BNG.
De facto, Rego lembra que a Ministra de Traballo anunciou onte que se ía aumentar a inspección laboral para evitar a fraude neste tipo de contratos. “Nós xa denunciamos no seu día que non existían os suficientes mecanismos de control para o cumprimento da legalidade pola vía da inspección de traballo” subliña.
O BNG entende que, até que non se poida constituír un Marco Galego de Relacións Laborais que significaría que a Galiza teña capacidade plena na lexislación das relacións de traballo-, o rexistro desta iniciativa “é o mínimo que se debe facer e seguiremos nesa liña traballando para que esta Lei poida contar co máximo apoio posíbel. Quen vote en contra, por exemplo, de recuperar a indemnización de 45 días terá que explicalo", salienta Néstor Rego.
BNG pregunta polos custos das vacacións do Borbón
“Parécenme vergoñentas as declaracións do novo Presidente da Xunta de Galiza sobre a visita de Xoán Carlos de Borbón. Non sei se Rueda quere colocar a Galiza no mapa da corrupción e das tramas internacionais do tráfico de armas” recrimina Rego. O deputado nacionalista reivindicou a existencia de Galiza “no mapa desde o ano 410, ano en que se constituíu o primeiro Reino no ámbito do imperio romano”. Desde ese momento continúa no mapa “polo traballo, o talento e a honradez de todos os galegos e galegas”.
Para o deputado nacionalista, o que menos precisan os galegos e galegas é por “dar acubillo a corruptos e persoas que representan un dos elementos máis antidemocráticos do Réxime do 78 como é a monarquía”. Unha xefatura do Estado que non é votada pola cidadanía- como tería que ser nun Estado verdadeiramente democrático- senón que é vitalicia, hereditaria e designada polo ditador Francisco Franco. “O Borbón non é benvido a Galiza, por iso rexistramos hoxe mesmo unha iniciativa para coñecer canto nos custa aos galegos e galegas esta regata do Borbón. Canto nos custan estas vacacións do Borbón fugado en Sanxenxo” destaca.