BNG impulsa o compromiso da Xunta para garantir que se cumpran as condicións do servizo de ambulancias de Pontevedra-Salnés
O BNG acadou o acordo unánime do Parlamento galego para que a Xunta esixa á empresa concesionaria do servizo de ambulancias na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés o cumprimento de todas as condicións establecidas no contrato e para que remita á Cámara, no prazo dun mes, un informe sobre a prestación do servizo desde o último concurso do servizo, adxudicado en abril de 2021.
O Executivo galego dará conta neste informe precisamente do grao de cumprimento de todos os aspectos recollidos na concesión (número de vehículos e profesionais en activo e condicións laborais, incluídas) e tamén se compromete a realizar con regularidade inspeccións na empresa concesionaria para garantir a calidade do servizo, así como de comprobación das denuncias efectuadas, como as que levan meses realizando as e os propios traballadores do servizo.
A deputada nacionalista Montserrat Prado asegurou na comisión parlamentaria de Sanidade que este acordo “é un voto de confianza ao PP, pero non indefinido” porque, segundo recalcou, “é inadmisible que haxa días onde 3, 4 e 5 ambulancias están inoperativas por fata de técnicos e técnicas e non hai falta de técnicos de ambulancia no mercado laboral”.
Prado repasou durante a súa intervención a preocupante situación na que se atopa o servizo, con “323 quendas sen ambulancia por falta de persoal técnico” de xaneiro a setembro deste ano, con continuos problemas na actividade programada (o que supón horas de espera para doentes con tratamentos de diálise, oncoloxía ou rehabilitación) e tamén na atención a emerxencias, que ocasiona “demoras inaceptábeis, con consecuencias letais” e que exemplificou tamén con distintos casos.
“Quen está pagando as consecuencias desta situación son uns traballadores e traballadoras que levan traballado por riba do que sería exixible e unha poboación que asiste ao deterioro do servizo”, advertiu, para incidir a continuación en que este acordo parlamentario é en todo caso un paso insuficiente diante da grave situación que padece a atención sanitaria en toda a comarca de Pontevedra e o Salnés, convertida “no KM 0 -a nivel de PACs, de centros de saúde, de urxencias hospitalarias e de transporte sanitario- da desfeita na que o PP ten á sanidade pública galega, especialmente a Atención Primaria”.
A portavoz nacionalista de Sanidade advertiu que o Bloque permanecerá “vixiante” diante do cumprimento deste acordo e insistiu en que a situación na que se atopa a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés non é froito da casualidade, senón da “folla de ruta programada do PP” para deteriorar a sanidade pública. “Preocúpanos moito o que está a acontecer nesta área sanitaria, pero tamén que detrás desta área vaia o resto e no BNG non imos quedar calados diante desta situación”, concluíu.