BNG impulsa o acordo do Parlamento para garantir a atención sanitaria en galego e normalizar o seu uso nos centros de saúde
BNG acadou a unanimidade do Parlamento para normalizar a presencia do galego nos centros sanitarios, tanto na sinaléctica e cartelería, como na documentación interna e na relación coas persoas doentes, así como garantir a existencia de exemplares en galego de calquera documentación que se lle teña que facilitar xs pacientes ou que teñan que asinar.
A iniciativa nacionalista defendida pola portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, inclúe tamén a realización de todas as actuacións formativas precisas, tanto para que as e os profesionais sanitarios teñan a competencia lingüística precisa para atender ás doentes no noso idioma, como para que coñezan os dereitos lingüísticos que as asisten.
Prado advertiu de que o Sergas é un dos organismos da Xunta que máis denuncias recibe por vulnerar os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, tal e como reflicte o informe do servizo “A Liña do Galego” posto en marcha pola Mesa pola Normalización Lingüística. “No ano 2020 as denuncias referidas a vulneracións levadas a cabo polo Sergas xa representaban o 23,7% das emitidas pola Mesa no conxunto das Administracións Públicas”, reprobou, para a continuación subliñar que esta porcentaxe duplica á rexistrada en 2018.
A deputada nacionalista considerou “inadmisíbel” que a Administración que “debe defender e velar pola garantía dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, así como promover o uso normalizado da lingua galega en todos os ámbitos, sexa a principal incumpridora”. Neste sentido, subliñou que, no ámbito sanitario, é unha práctica constante e reiterada que vai desde a sinaléctica nos centros sanitarios, aos informes entregados xs doentes ou a atención tanto presencial como telefónica.
Ademais e segundo asegurou, a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Sergas “veuse especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria pola pandemia”, con comunicacións en castelán, exclusión do galego na liña de atención telefónica habilitada para a COVID19, citacións para probas PCR só en castelán ou a eliminación do galego dos protocolos e formación para as e os profesionais sanitarios.
“Probas máis que de abondo de que para a Consellería de Sanidade non é importante a cuestión do idioma, cando se trata dun dereito”, concluíu, logo de reprochar que “se aproveita de que a urxencia e a situación de vulnerabilidade na que se atopa a persoa que espera por unha atención médica ou unha operación, situacións que a disuaden de exixir o cumprimente do dereito que ten a ser atendida no propio idioma”.
Por isto, considerou a iniciativa aprobada na Cámara “de mínimos” para garantir materialmente o exercicio do dereito á información e á atención en galego nun ámbito tan básico como o sanitario.