BNG impulsa un acordo para crear unha Mesa de traballo coa Confederación Hidrográfica e o sector agrario para abordar os problemas dos regantes do Val de Lemos
O BNG, a través da súa deputada, Carme Aira impulsa un acordo para crear “unha Mesa de traballo” coa Confederación hidrográfica Miño-Sil e o sector agrario do Val de Lemos para abordar os problemas dos regantes.
O acordo parlamentario acadado no Parlamento galego partiu do texto transacionado polas tres forzas políticas para instar á Xunta a: Poñer en marcha conxuntamente coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, unha mesa de traballo que inclúa aos distintos actores implicados para activar o sector agrario do Val de Lemos e o seu regadío, no que cada unha das administracións actúen dentro das súas competencias:
No caso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, coas solucións xurídicas para a posta en marcha da comunidade de regantes, a solución para a débeda existente e a redacción do proxecto e posterior execución da modernización de dito regadío.
No caso da Xunta de Galicia, elaborar un plan de reactivación da actividade agraria no Val do Lemos, cunha reestruturación da propiedade no ámbito afectado polo regadío, cos instrumentos de mobilización necesarios, dentro da lei de recuperación da terra agraria de Galicia,
A proposición non de lei defendida por Carme aira, de xeito acumulado con outra iniciativa do PSdG, criticou o gasto de auga ao ano que se produce para produción agraria e para consumo humano nos concellos da contorna, que confirma a importancia desta estrutura para o Sul de Lugo, de Quiroga a Sober beneficiada co complemento de moitos hm³ no caso de necesidade. O que non sei, dixo a deputada, é a onde van os hectómetros asignados ao Incio, xa que hai uns anos non tiveron problema en atopar escusa para deixar á parroquia de Vilasouto e ao lugar de Calvos sen auga do embalse.
A xuízo da deputada, prodúcese un enorme desperdicio de auga no territorio do Val de Lemos cun grande potencial produtivo sempre e cando contara con regadío e para iso foi construído este encoro no seu momento. Nunha iniciativa presentada pola BNG, engadiu Aira, xa destacabamos a produción cerealística de trigo, millo forraxeiro, millo gran ou mesmo solla produto que a poucos kms na finca Robles dependente do CIAM de Mabegondo se cultiva con éxito. “Serían moitas toneladas de alimento para o gando e poderían ser tamén toneladas de alimento para consumo humano” con produción hortícola ou frutícola, e que nos conduciría á soberanía alimentar pero todo ese potencial foi desperdiciándose historicamente pola “falta dun deseño adecuado do regadío, a nula implicación das autoridades da época e a falta de apoio a unha comunidade de regantes forte”.
Tras o remate do encoro no ano 68, explicou a nacionalista, houbo que agardar para crear en 1986 a comunidade de regantes e no 2001 aínda estaban a elaborar un censo que non serviu para o funcionamento da comunidade.
Por outra banda, tamén resultaba problemática a designación dunhas taxas dentro do dominio da Confederación con un elevado coste e o baixo número de concentracións parcelarias insuficientes como a de Bóveda, na actualidade “infrautilizadas” e forestadas nunha boa parte.
Carme Aira insistiu “no despilfarro de auga no Val”, de aí a necesidade de renovar a canalización para evitar esta perda que nalgunhas zonas anega a produción por “encharcamento” e ordenar os terreos de regadio facilitando a chegada da auga aos apradados e non usar os camiños como canle.
A deputada do BNG avogou por suprimir a actual comunidade de regantes e a condonación de calquera débeda, constituír unha nova cun censo actualizado e con taxas de similar contía que as que teñen que pagar noutros regadíos.
A Xunta debe asumir as súas responsabilidades, “garantir de xeito inmediato a investigación da propiedade da terra” nos terreos do dominio do regadío para que as persoas propietarias poidan ter un censo veraz, e que o Val poida camiñar cara o futuro ligado á supervivencia desta comarca e os seus arredores.
Sobre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil considerou que non pode ocuparse exclusivamente da área recreativa do embalse utilizada polas persoas da parroquia, de Monforte ou Sarria, para pescar, nadar, tomar o sol, facer deportes de auga sen motor e barbacoas... este non pode ser o único obxectivo porque a poboación de Vilasouto “ pagou un alto prezo por este encoro e hai que facelo produtivo”, concluíu.