O BNG, contra o improvisado decreto de empregadas do fogar

Carme Adán lamenta a escasa publicidade dun decreto que destrúe dereitos, ao eliminar o logro acadado en 2012 que obrigaba ao empregador a asegurar á empregada dende a primeira hora de traballo

A deputada do G.P do BNG, Carme Adán, reclamou  a derrogación do reciente decreto 29/2012 do goberno do Estado, relativo á situación das empregadas do fogar, por ser un decreto “improvisado, involutivo e sen ningún tipo de publicidade”.

“Trátase de agachar deste xeito –continuou- o que este decreto supón de retroceso respecto das melloras que acadara este colectivo de traballadoras coa nova normativa que entrou en vigor en Xaneiro do pasado ano”.

Carme Adán presentou en rolda de prensa unha batería de iniciativas parlamentares, entre elas unha interpelación e unha proposición non de lei, para denunciar unha situación que só afonda na precarización e minusvaloración dunha profesión totalmente feminizada que o que cómpre é dignificar e dotar dunha normativa estable, máis xusta e equitativa.

Colectivo desprotexido

A deputada do BNG lembrou que as traballadoras do fogar son unha das formas de emprego máis desprotexidas e tivo que pasar case unha década para que algunhas das súas reclamacións tiveran corpo legal, a través das normativas que entraron en vigor en Xaneiro de 2012.

Malia que estas normativas manteñen discriminacións evidentes e non solucionan todos os problemas, como o recoñecemento do dereito ao desemprego ou a Lei de Prevención de Riscos Laborais, introduciron unha melloría substancial: obrigar á persoa empregadora a asegurar á traballadora dende a primeira hora.

Carme Adán recoñeceu que é moi difícil dispor de dados reais de a canto asecende o total de mulleres empregadas no fogar que están traballando en Galiza, pero si se manexan cifras concretas de empregadas dadas de alta na Seguridade Social en Xaneiro de 2012, que ascendía a 20.207, e a finais de ano, que sumaban 27.241.

“Estamos a falar –dixo- de case un 35 por cento máis de mulleres dadas de alta, un logro que cómpre atribuir ás normativas citadas, de ahí a importancia da súa permanencia e de que o goberno de Rajoy tivera en conta estes dados antes de tomar a decisión de dictar o novo Decreto”.

Simplificar trámites e Cheque de Emprego

Adán lamenta que o goberno do Estado se baseara nun estudo raquítico dos resultados obtidos só nos dous primeiros trimestres de 2012 e advirte de que devolve ás mulleres á situación anterior, ser elas as que paguen as cotizacións se non superan as 60 horas, “que obviamente, polas especificidades deste traballo, son a maioría”.

Rajoy debería valorar que os dados coñecidos demostran que ao longo do pasado ano houbo un incremento dun 35 por cento de traballadoras que se deron de alta na Seguridade Social, froito da normativa que decidiu eliminar

Para a parlamentar do BNG, ante esta situación e ante a invisibilización deste problema cómpre alzar a voz e reclamar, alén da derrogación do decreto, a simplificación dos trámites no emprego do fogar, incluindo internet para realizados.

A iniciativa rexistrada pola deputada nacionalista tamén demanda que se realice un estudo sociolaboral e económico sobre a situación do emprego no fogar en Galiza, para estudar outras posibilidades de empregabilidade, como o sistema de Cheque de Emprego Servizo que se segue en Francia.

Programar cursos e actividades de formación e realizar actuacións transversais que contribúan a dignificar o traballo destas mulleres son outras das propostas do BNG neste ámbito.