Galegas 2020

O BNG homenaxea ás mulleres que estiveron en primeira liña na loita contra a COVID19 ante as que Ana Pontón se comprometeu a ser “a presidenta da igualdade”

Homenaxe mulleres

Caixeiras, limpadoras, médicas, enfermeiras, labregas, auxiliares, traballadoras do fogar..., “vós e non os directivos do IBEX35 fostes as imprescindibles”

Pontón critica a irresponsabilidade de Feixóo ante o rebrote e augura que A Mariña e Galiza van castigar nas urnas o seu oportunismo

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, participou nunha emotiva homenaxe que o BNG quixo render a todas as mulleres que estiveron combatendo COVID19 na primeira liña nos momentos máis duros da crise, que o fixeron “con coraxe e xenerosidade” a favor da maioría. Mulleres que desempeñaron un labor fundamental desde traballos moitas veces precarios, con baixos salarios e pouca valoración social pero que xogaron un papel “imprescindible”.

E precisamente por respecto a elas, e a todas as persoas que estiveron na vangarda no peor da pandemia, a líder do BNG considera intolerable a “irresponsabilidade” coa que está actuando o candidato do PP ante un virus que non foi derrotado, como mostra o rebrote da Mariña: 23 novos contaxios nun só día, 144 persoas contaxiadas, máis de mil nas súas casas e toda unha comarca confinada.

“Pero ante es situación o candidato do PP compórtase como un irresponsabilidade, minimiza o problema e oculta datos por puro cálculo electoral, porque antepón o seus intereses partidistas á saúde das persoas. Galiza non se merece un presidente irresponsable, un presidente que minte, nun asunto de tanta importancia”, criticou, “Feixóo estase comportando como un candidato irresponsable ao que non lle importa nada a veciñanza da Mariña, nin lle importa garantir o seu dereito a saúde, nin tampouco lle importa garantir o seu dereito a votar”, criticou.

Un comportamento que os galegos e as galegas non se merecen e que, está convencida, recibirá nas urnas unha resposta contundente.

“Estou segura que tanta irresponsabilidade e tanta mentira van recibir a resposta que se merece na urnas, empezando pola propia comarca da Mariña, que vai sepultar nas urnas a montaña de irresponsabilidade, a montaña de mentiras do candidato do PP, estou segura que vai recibir unha resposta contundente no conxunto de Galiza e moi especialmente por parte da veciñanza da Mariña”, salientou, “merecemos unha presidenta que diga sempre a verdade e que sempre poña por diante a saúde das persoas”.

A líder do Bloque considera gravísimo que a irresponsabilidade e a mentira definan o comportamento do candidato do PP ante o rebrote. Mentiu, denunciou, cando quixo minimizar o problema reducindo a situación a dous ou tres bares para apenas un par de días despois confinar a comarca enteira e mentiu cando dixo que estaba todo baixo control mentres o propio informe da Xunta para pedir autorización xudicial do confinamento indicaban transmisión comunitaria.

Pontón fixo estas declaracións ao tempo que recoñecía o traballo das mulleres que estiveron en primeira liña, “para que non faltase comida nas nosas neveiras, para que os hospitais estivesen limpos, para que as persoas maiores estivesen atendidas, que estabades aí salvando vidas aínda a risco da vosa saúde”, explicou Pontón no acto celebrado na compostelá Praza de San Clemente ante traballadoras de supermercado, enfermeiras, auxiliares, medicas, limpadoras, coidadoras nas residencias e nos centros de día, labregas, empregadas do fogar, “e tantas outras que fixestes un traballo esencial e xeneroso sen protagonismo mediático, pero imprescindible, o mundo se vós non funciona e mantivestes o país en pé”, proclamou.

E todo iso en empregos en precario, -como moitos de contratos do SERGAS-, mal pagados e invisibles, -como o das empregadas do fogar-, ou con salarios baixos e sen recoñecemento social, pese a que a pandemia deixou claro que son as mulleres que están detrás deses traballos “as que nos sacastes as castañas do lume e non os que sentan, -case todos homes-, nos concellos de administración das empresas do IBEX, vós sodes as imprescindibles”, alegou.

Por iso, a mellor homenaxe, dixo, é ter un Goberno que poña no centro da súa actuación a loita pola igualdade real das mulleres.

“Temos que construír unha Galiza da igualdade e traballar pola igualdade das mulleres require esforzo, compromiso e tempo, porque os problemas non se van resolver dun día para outro pero precisamos un Goberno que poña en primeiro plano a defensa da igualdade real. Eu quero ser a presidenta dunha Galiza que estea na vangarda nas políticas da igualdade e que faga da igualdade real unha bandeira”, salientou, “son as mulleres coma vós as que nos permiten saír adiante e por iso temos a obriga de construír unha sociedade máis xusta onde nos sintamos libres, e ese é o compromiso co que tamén me presento as eleccións do 12 de xullo”.

Un liderado que pelexe pola igualdade real

Neste sentido, a candidata á Presidencia explicou algunhas das medidas de goberno para avanzar na igualdade real das mulleres con propostas lexislativas ambiciosas e de calado: unha nova Lei de igualdade, adaptada á realidade do século XXI co fomento da corresponsabilidade; unha Lei pola igualdade salarial que poña fin a fenda salarial na que as mulleres cobran de media un 21% menos de salario que os homes por facer o mesmo traballo, incluíndo medidas correctivas nas empresas e nas administracións.
 

Igualmente, crear unha Valedoría de Igualdade para combater calquera tipo de discriminación e con capacidade para sancionar como existe en Euskadi ou nos Países nórdicos. Impulsar a Lei de recoñecemento e apoio das familias monoparentais, maioritariamente mulleres, moitas delas no limiar da pobreza. Tamén, un Plan de dignificación e visibilización dos coidados co fin de valorizar a súa relevancia económica e social.

Medidas para facer posible a conciliación familiar e laboral e que non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres, actuando en todos as frontes: dando servizos públicos, como por exemplo, estender a rede de escolas infantís e ensino gratuíto de 0 a 3 anos. Finalmente, en relación a violencia machista, o peor atentando contra a igualdade que soportan as mulleres, recalcou, redobrar esforzos e iso require recursos, por iso, un Goberno liderado polo BNG destinará o 1% dos orzamentos a loita contra a violencia machista. Serían arredor de 100 millóns de euros, un salto exponencial.