BNG forza unha comisión de investigación sobre os contratos millonarios da Xunta con empresas afíns ao PP
“Imos destapar todo o que o PP quere esconder”, recalca en relación ás adxudicacións a empresas amigas e relacionadas con cargos do partido, ós contratos de emerxencia da COVID e o sobrecusto de 470 M€ no Hospital de Vigo
“Esta vez o final non o vai escribir o PP”, recalca a líder nacionalista
“Imos destapar todo o que o PP quere esconder”. A portavoz nacional, Ana Pontón, confirmaba así que o BNG vai usar “a forza” dos seus 25 escanos para garantir que o Parlamento investiga os millonarios contratos concedidos a empresas amigas e vinculadas a cargos do Partido Popular, os contratos de emerxencia durante a pandemia e o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción privatizada do Hospital de Vigo.
A líder nacionalista foi a encargada de defender en pleno a proposta do Bloque para constituír esta comisión, para a que pediu o apoio dos populares, advertindo que, con ou sen o apoio do Partido Popular, o BNG ía garantir a investigación pola vía do artigo 52.1bis do regulamento da Cámara, que permite a creación dunha comisión de investigación se así o solicita un grupo que dispoña dun terzo dos e das deputadas. “Está vez o final non o vai escribir o Partido Popular”, salientou, deixando claro que o Bloque usará a potestade que lle da o regulamento.
“Os galegos e as galegas teñen a miña palabra de que haberá comisión de investigación porque imos usar a forza dos votos que nos deron 25 escanos para investigar os contratos millonarios que favorecen a familiares e empresas amigas do PP, incluíndo ás que afectan ao señor Feijóo”, avanzou Pontón na súa intervención.
“Grazas ao BNG, este Parlamento vai investigar por que a empresa que dirixe a irmá de Feijóo en Galiza recibiu 1.133 contratos a dedo da Xunta con el como presidente; imos investigar por que pagamos un sobrecusto multimillonario polo hospital de Vigo "Álvaro Cunqueiro", e imos investigar os contratos de emerxencia durante a pandemia”, detallou a líder do Bloque.
Pontón foi esmiuzando con datos os argumentos que motivan a petición do BNG, ante un goberno do PP que ten como práctica habitual a contratación á dedo, de tal xeito que só entre 2018 e 2023 o Executivo que presidía antes Feijóo e agora Rueda formalizou máis dun millón de contratos por valor de 4.000 millóns de euros sen ningún tipo de licitación, segundo a información publicada polo xornal El Salto, que aportaba documentación de cada unha desas contratacións.
Unha práctica “que debuxa un mapa de como o Partido Popular usa os orzamentos da Xunta para enriquecer ás empresas amigas, actuando con total impunidade desde o enchufismo e o nepotismo, unha vergoñenta forma de corrupción que consiste en usar o cargo público para darlle trato de favor ás empresas amigas, moitas vinculadas a cargos do PP, con total menosprezo dos principios de igualdade, capacidade e mérito que deben operar cando se trata de cartos públicos”, criticou Pontón.
EULEN e a irmá de Feijóo
Como por exemplo, EULEN. A empresa que dirixe en Galiza a irmá do señor Feijóo, que recibiu 1.311 contratos a dedo entre 2018 e 2023 por valor de 4,8 millóns de euros, “contratos deliberadamente fraccionados vulnerando a lei para evitar unha licitación en libre concorrencia e prexudicando tamén a outras empresas”. A estes hai que engadir os contratos con EULEN por 17 M€ adxudicados en apenas dous anos polo goberno de Rueda, que se suman aos 37 millóns de euros que recibiu a empresa da irmá de Feijóo con el de presidente, como difundiu o xornal Público.
Entre as empresas beneficiadas vinculas a cargos do PP está MAPE ASESORES con doce contratos coa Xunta por importe de 10,4 millóns de euros en material sanitario, polos que o compañeiro sentimental da presidenta de Madrid recibiu dous millóns de euros en comisións.
Precisamente a compra de material sanitario durante a pandemia é outro punto que abordará a comisión de investigación, “ante a falta de transparencia e a actitude obstrucionista do Partido Popular que vetou aquí a mesma investigación que si lle pareceu ben impulsar no Senado”, denunciou a líder do Bloque.
Irregularidades e concentración das adxudicacións
O Consello de Contas xa avanzou que os contratos de emerxencia da pandemia concéntrase nun número moi pequeno de empresas. De feito, en 2021 só catro empresas acapararon o 66% do importe adxudicado por contratos de emerxencia. Entre ese reducido club de empresas está Universal Support, vinculada ao cuñado do señor Feijóo, que recibiu 19 M€ entre maio de 2020 e outubro de 2021.
“Todas estas irregularidades son as que queremos que este Parlamento investigue, despois de que o PP leve dous anos escondendo a documentación con total menosprezo a este Parlamento”, criticou Pontón, quen recalcou que “loitar contra a corrupción e velar polo cumprimento da legalidade é unha prioridade para o goberno alternativo do BNG e debería selo tamén para o goberno do PP”.
A comisión de investigación abordará igualmente o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción privatizada do hospital de Vigo decida por Feijóo nada máis chegar á Presidencia da Xunta, unha decisión que deixa un hospital “con menos camas e menos superficie da prevista, pero máis caro”, alegou Pontón na súa intervención.
“Por todo isto teñan por seguro que haberá comisión de investigación grazas ao BNG para destapar todo o que o PP quere esconder: todos os negocios con empresas amigas e con empresas vinculadas a familiares de cargos do Partido Popular”, concluíu Pontón, pese a que os populares votaron en contra no debate en Pleno á proposta de creación desa comisión defendida polo Bloque.