BNG e FOG coinciden en apoiaren a candidatura galega

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2015.- Representacións do Bloque Nacionalista Galego e da Fronte Obreira Galega reuníronse na sede comarcal do BNG en Vigo para poñeren en común as visións das dúas organizacións en relación ao proceso de conformación da candidatura galega para as próximas eleccións xerais.

Ambas as dúas formacións coincidiron na necesidade de conformar unha candidatura que defenda os dereitos nacionais do pobo galego. Entenden que calquera mudanza democrática da estrutura do Estado debe incluír o respecto á soberanía das nacións e consideran que dispor dunha representación propia, non subordinada a estratexias ou estruturas partidarias foráneas, é a mellor garantía para que Galiza estea presente neste momento de cambio político.

O BNG e FOG comproméntense a traballar conxuntamente no impulso dunha candidatura galega con personalidade xurídica propia e co obxectivo de dispor dun grupo propio no Congreso dos Deputados. Así mesmo, consideran que o proceso de conformación da candidatura debe ser plural e aberto, capaz de integrar á sociedade galega que participa de organizacións e colectivos e a todas aquelas persoas dispostas a traballar polos obxectivos da candidatura.

As dúas organizacións acordaron manter abertas o diálogo para explorar as coincidencias na análise da situación política e do proceso de conformación da candidatura galega.


Comunicado conxunto do BNG e da FOG.