BNG fixa a vivenda como prioridade para 2025 e propón que a declaración dos pisos protexidos teña carácter permanente
Pontón: “A vivenda ten que ser un dereito das persoas e non un ben de especulación co que uns se lucran mentres outros viven situacións límite”
Aumentar o parque público, limitar o prezo do alugueiro e garantir que ninguén quede sen un teito baixo o que vivir, eixos da proposta do Bloque
Critica a subida do 40 % aprobada polo PP no prezo da vivenda protexida e avoga por establecer bonificacións para facilitar o acceso ás rendas baixas
Mellorar o acceso á vivenda dos galegos e as galegas será unha das prioridades do BNG para o novo período de sesións, no que a formación nacionalista defenderá unha “nova política social” neste eido, “ambiciosa pero realista” para colocar ás persoas no centro e que, no caso da mocidade, non vexan a emancipación como “unha misión imposible”.
“A vivenda ten que ser un dereito e non un ben de especulación co que uns se lucran mentres outros viven situacións límite e non poden acceder a unha residencia digna”, asegurou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a primeira reunión do grupo parlamentario nacionalista deste ano, na que se fixaron as prioridades e as liñas de actuación do Goberno alternativo do Bloque para o novo período de sesións.
Prioridades que, no caso da vivenda, pasan por un novo modelo baseado en tres grandes eixos: aumentar o parque público e estender a perpetuidade a cualificación de toda a vivenda protexida, intervir no mercado libre para limitar o prezo do aluguer, e establecer unha rede de protección social que garanta que ninguén se queda na rúa sen un teito baixo o que vivir.
En relación ao primeiro destes eixos, Pontón destacou que “as propostas do goberno alternativo do BNG teñen como obxectivo alcanzar as 16.000 vivendas públicas en dúas lexislaturas”, unha cifra que incluiría tanto vivenda de nova construción promovida pola Xunta como a mobilización de inmobles baleiros. Só nas grandes cidades do País existen 90.000 vivendas sen habitar, “un patrimonio enorme que se pode destinar ao alugueiro a prezo taxado”, salientou.
Pontón defendeu ademais que a cualificación de protexida sexa permanente tanto no caso dos pisos de promoción pública como privada, pois iso “permitiría incrementar progresivamente o número de vivendas que quedan fora de especulación e por tanto con prezos asumibles para as familias”, argumentou a portavoz nacional, quen criticou a subida do 40 % que o PP vén de aplicar ao prezo da vivenda protexida, “o que a fai inaccesible para as rendas baixas”. Fronte a iso, o BNG propón axustar os prezos con indicadores transparentes e fixar bonificacións conforme ao nivel de renda.
A líder da oposición en Galiza considerou que xa está máis que demostrado que non é certa “a tese do PP de que o problema dos prezos se resolve exclusivamente pola vía do incremento da oferta xa se demostrou errada”. Pola contra, engadiu, “o certo é que nunca tanta vivenda houbo e nunca tan difícil foi acceder a ela”.
É por iso que o goberno alternativo do BNG considera necesario atallar os factores que inflúen na suba do prezo, cunha intervención directa no mercado. A súa proposta pasa, neste sentido, por limitar e controlar as vivendas de uso turístico até garantir as necesidades de residencia habitual da poboación, aprobar a declaración de mercados tensionados como medida excepcional e impulsar modelos non especulativos, como as cooperativas de vivenda en cesión de uso.
A terceira gran liña de traballo do Bloque en materia de vivenda ten por obxectivo garantir que “ninguén pase polo drama de quedarse na rúa, desaloxado por impagos ou por incapacidade de facer fronte ao alugueiro”, subliñou Pontón, quen propuxo para elo unha prestación de prevención de perda da vivenda, unha rede de oficinas de vivenda que oriente ás familias, un programa de axudas ao alugueiro “reforzado e mellorado” e un plan contra a exclusión residencia que atenda ás situacións máis graves.
O PP, máis de quince anos dinamitando a política social de vivenda
Pontón acusou o Goberno do PP na Xunta “dinamitar” durante os últimos quince anos a política social de vivenda e de ser “responsable directo” da crise actual, consecuencia -precisou- de decisións concretas como o recorte nun 50 % do investimento neste eido ou que cada ano queden millóns de euros sen executar.
Afondando nesta cuestión, lembrou que, malia que o plan de vivenda 2015-2020 marcaba como obxectivo 870 novas vivendas de promoción pública, a Xunta do PP só construíu 40 en seis anos. A mesma Xunta que só se rehabilitaron nove vivendas cando o Plan Rexurbe apuntaba a 1.500.
“Agora o PP promete facer en catro anos o que non fixo en quince, pero máis aló dos titulares os feitos van na dirección contraria”, reprobou a portavoz nacionalista referíndose as últimas reformas fiscais e axudas públicas a favor das construtoras e os rentistas, á negativa a limitar as VUT ou os vetos as zonas tensionadas.
Servizos públicos, financiamento e máis calidade democrática
Xunto á vivenda, o grupo do BNG fixou como liñas prioritarias para o novo período de sesións a defensa dos servizos públicos, os coidados das persoas maiores, o modelo de financiamento ou un novo estatus que permita a Galiza ter maior capacidade para decidir sobre os asuntos que afectan á xente.
Sacar o galego da situación crítica na que se atopa e combater a fuga do talento investigador e da xente moza son tamén obxectivos na folla de ruta do Bloque que, ao longo desta nova etapa tamén vai presentar no Parlamento iniciativas para combater a “baixa calidade democrática dun goberno do PP que é desleal con Galiza, que está traballando para defender os intereses de grandes multinacionais e empresas amigas e que segue poñendo a alfombra vermella ao espolio eólico ou a esa bomba ambiental que é Altri”.