O BNG fixa o 9 de marzo como data para aprobar as candidaturas ás eleccións Xerais

Consello Nacional

Ten as portas abertas a todas aquelas persoas e colectivos que queren unha forza propia e sen ataduras, no Congreso

Pontón: “Estou segura que os galegos e galegas tomaron nota da discriminación a Galiza das forzas estatais e a súas sucursais”

O BNG celebrou hoxe o Consello Nacional extraordinario, centrado na preparación da eleccións xerais e  fixando o 9 de marzo como data para aprobación das candidaturas. Trala reunión, a portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou que o 28 A é  unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso da man dunha forza política “sen ataduras e  sen dependencias, que dea a cara polos galegos e polas galegas en Madrid e  que defenda os dereitos sociais e nacionais, nun momento clave”.

Nesta lexislatura, afirmou Pontón, os partidos estatais demostraron que Galiza sempre pode esperar, e ser  a última carta da baralla.  “O cambio de inquilino na Moncloa, non foi máis que unha mera alternancia na discriminación co noso país”.

A portavoz do BNG amosou a súa decepción por unha década de recortes   “cun PP condenado por corrupción”, e un  Goberno de Sánchez continuador   da discriminación a Galiza como demostrou coa morna reacción cando  están na picota 400 empregos en ALCOA,  novas subas na estafa das peaxes da AP9, a negativa a unha tarifa eléctrica galega, o mantemento da débeda co Porto da Coruña mentres se lle condonan 350 M€ ao Porto  de Valencia, ou ouns orzamentos pactados polo PSOE  con Podemos-En Marea que son: “Un exemplo de libro, de até que punto as forzas estatais se alternan na discriminación a Galiza”. Viñamos dos recortes do PP e pasamos a unhas contas do PSOE, pactadas con Podemos e En Marea, cos investimentos máis baixos dos últimos 17 anos. Unha vez máis, “Galiza perde, mentres outros avanzan”.

Repítese a historia e resulta evidente,  se hai unha nación sen Estado que necesite do nacionalismo, esa é Galiza. Somos un gran país, con enormes potencialidades. Temos miles de exemplos do que somos capaces de facer  se non nos poñen paus nas rodas e un deses paus é “un centralismo” que dificulta crear emprego digno e acabar coa emigración, mellorar os servizos públicos, as pensións ou coidar o noso medio ambiente.

Para acabar con ese centralismo que nos ningunea como nación, temos que facernos valer e iso  “só é posible cunha forza política propia, sen ataduras, sen sucursalismos madrileños”. Esa forza política é o BNG.

Imos ir a un escenario sen maiorías absolutas. Nese escenario, “1, 2, 3 deputados ou deputadas do BNG son máis útiles para Galiza que 23 ao servizo de Iglesias, Casado ou Sánchez”, e por iso, dixo, moitos galegos e galegas botaron de menos a voz do BNG no Congreso.

Estou convencida de que a sociedade galega tomou nota, e comparte con nós a mesma reflexión: Estamos nun momento clave, de crise do réxime, e cambios estruturais e  sexa cal sexa o escenario, “Galiza non pode quedar fóra e desaparecida do debate das nacións sen estado” porque   ten consecuencias: “Que nos rebaixen a un status de simple rexión,  que se tomen decisións contrarias aos nosos intereses, que sigan poñendo atrancos ao desenvolvemento do noso tecido produtivo, do noso territorio ou ao futuro da lingua galega”.

O BNG TEN ABERTAS AS PORTAS ÁS PERSOAS QUE QUEIRAN FORZAS PROPIAS NO CONGRESO

Este proxecto común, enfatizou Pontón, necesita de moitas mans e “as portas do Bloque están abertas a todas as persoas, colectivos e movementos que queren forzas propias capaces de  defender os dereitos  socias e nacionais dos galegos e das galegas. No proxecto común do BNG hai sitio para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”.

9 DE MARZO, APROBACIÓN DE CANDIDATURAS

O 28 de abril, insistiu, temos  a oportunidade de recuperar esa  voz propia no Congreso e con esa  confianza abrimos hoxe o proceso de elaboración das candidaturas a través da participación democrática da militancia que, desde todas as comarcas do país, farán as propostas para conformar as listas ás eleccións xerais. “O Consello Nacional dará luz verde definitiva a esas candidaturas o 9 de marzo”. Unhas  candidaturas con persoas solventes, comprometidas, con amplitude de onda, e que sexan representativas da pluralidade da sociedade galega.

Son momentos de comprometerse e participar, desde a rebeldía e desde a esperanza. Non temos nin queremos resignarnos a elixir entre o malo ou o peor. Escollamos o mellor para Galiza, escollamos BNG para garantir a defensa dos dereitos nacionais e sociais, as liberdades públicas, o feminismo  e os valores republicanos. Non é momento de deixarnos levar pola política do medo. "É momento de participar a favor de Galiza", concluíu.