BNG felicita o presidente electo Lula da Silva pola súa vitoria en Brasil
A Executiva Nacional do BNG felicita ao presidente electo Luiz Inácio Lula pola súa vitoria na segunda volta das eleccións presidenciais que se celebraron onte en Brasil. A Executiva nacionalista destaca que a democracia venceu contra o fascismo e a suma da coalición que encabezou o presidente Lula venceu finalmente a un candidato fascista que fixo apoloxía do odio e do racismo.
“A vitoria de Lula no Brasil é a vitoria pola loita contra o pobreza, a loita contra o racismo e a discriminación, a devolución da democracia e a reconstitución dos servizos públicos do Estado, que foron desmantelados nestes catro últimos anos polo goberno de Bolsonaro”, subliñan desde a Executiva do Bloque.
Por outro lado, o BNG amosa a preocupación porque malia o triunfo electoral, o propio Lula amosou a preocupación polo avance do neofascismo bolsonarista. "Ter o goberno non implica ter o poder, e agora Lula ten que reconstruír a sociedade e as institucións o cal non vai ser unha tarefa sinxela, mais a vontade popular está clara do cambio para derrocar a Bolsonaro", asegurou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen se atopaba nesta segunda volta no Brasil representando ao BNG na delegación de eurodeputadas e eurodeputados de tres grupos parlamentares que participaron nunha misión de acompañamento electoral e en apoio á democracia.
Denuncia dunha persecución inxusta
Ao longo dos últimos anos, o BNG estivo sempre no proceso de defensa da inocencia do Presidente Lula, denunciando a persecución inxusta que sufriu tanto o propio Lula como a Presidenta Dilma. Así, o Bloque considera que se trata dunha vitoria da xustiza co apoio popular nunha campaña moi dura e polarizada, na que a tensión e a desacreditación das institucións electorais brasileiras por parte do goberno de Bolsonaro, e en xeral polas institucións democráticas, foi unha constante.