O BNG felicita ao "Festival de Cans" por promover a visibilidade das mulleres

A actriz María Pujalte. Festival de Cans 2016

O Bloque Nacionalista Galego saúda a iniciativa que fomenta a presenza das mulleres no cinema e audiovisual

Após coñecerse o Decálogo para promover a visibilidade das mulleres que a organización do Festival de Cans fixo público hai uns días, o BNG quere saudar esta iniciativa e parabenizala publicamente.

Son moitos aínda os espazos nos que as mulleres son secundarizadas ou invisibilizadas. A falta de referentes femininos é unha constante que dificulta as posibilidades para que as mulleres se empoderen e poidan desenvolver a súa actividade profesional, neste sentido, o BNG considera un importante avance a iniciativa de detallar nun decálogo unha serie de accións para fomentar a súa presenza e o compromiso de o facer desde o mundo do cinema, un ámbito cunha baixa presenza feminina, en moitas ocasións, reducida a estereotipos e estigmatizada. O Decálogo convértese, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, "nunha ferramenta de intervención social" e aproveita a data reivindicativa do 8 de marzo, "para trasladar propostas que pretenden transformar a sociedade con mudanzas significativas que incrementen a visibilidade feminina".

O BNG reitera o seu compromiso pola visibilidadade das mulleres

Desde o BNG comprometémonos a traballar pola visibilidade das mulleres e o seu empoderamento, tanto a nivel social como institucional. Pasado xa o 8 de marzo, son moitos os espazos en que se cerra unha páxina até o próximo ano. Será daquela, cando volvamos ocupar unha parte dos medios de comunicación, a falar de cifras sobre a fenda salarial, e as discriminacións cotiás, a respecto da participación feminina en determinados ámbitos. Desde unha perspectiva que acredita nun 8 de marzo todos os días do ano, o BNG continuará a traballar para construír un modelo de sociedade igualitaria e sen discriminacións. Asemade, recollemos a luva lanzada polo Festival de Cans para promocionar a visibilidade feminina no mundo audiovisual e do cinema e, por extensión, nos ámbitos da creación artística e cultural.