BNG fará “o posible e o imposible” para que a comisión de investigación revele toda a verdade sobre os ‘chanchullos’ do PP
O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, advertiu que a formación nacionalista “vai facer todo o que estea nas súas mans, o posible e o imposible” para que a comisión de investigación sobre a contratación da Xunta coas empresas amigas do PP cumpra o seu cometido, e que os galegos e as galegas coñezan “toda a verdade” sobre “os posibles tratos de favor, casos de nepotismo, irregularidades ou decisións que foron prexudiciais para as arcas públicas” durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda na Xunta.
Bará interveu na primeira reunión da comisión de investigación creada a petición do BNG, e coa forza dos seus 25 deputados, para poñer ‘luz e taquígrafos’ sobre o sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, as adxudicacións da Xunta a empresas amigas e vinculadas a familiares de altos cargos do PP -entre elas a que dirixe en Galiza a irmá de Núñez Feijóo- e os contratos de emerxencia da pandemia.
O deputado nacionalista criticou que o PP aplique o rodete ás primeiras de cambio ao vetar todas as propostas que o Bloque presentou ás normas de funcionamento da comisión para garantir a finalidade para a que foi creada. A primeira votación na comisión foi, segundo dixo Bará, unha “proba do algodón” para coñecer a disposición do PP, que podía facilitar co seu voto aplicar o regulamento da Cámara de maneira “flexible e democrática” ou, pola contra, como finalmente fixo, “atrancar, entorpecer e dificultar” o traballo da comisión á primeira de cambio.
Bará foi o encargado de defender as suxestións do Bloque para o funcionamento da comisión, entre as que se incluía que o plan de traballo a desenvolver se aprobase por maioría cualificada de dous terzos para evitar deste xeito que o PP aplique o rodete da maioría absoluta, como fixo este martes. O BNG tamén pediu que se os traballos do órgano parlamentario se fan en ponencia debería ser por acordo unánime da comisión.
Así mesmo, a formación nacionalista defendeu que o desenvolvemento das comparecencias sexa articulado a través dunha resposta individualizada por parte da persoa comparecente a cada un dos grupos mediante a fórmula de pregunta-resposta, empregada no Congreso dos Deputados e Deputadas, cun tempo para cada grupo que non pode ser inferior aos 20 minutos. Neste sentido, tamén defendeu que se admitan todas as preguntas que formulen os distintos grupos parlamentarios, sempre que estean centradas no obxecto da comisión.
O viceportavoz do Bloque reclamou ao Goberno do PP que colabore cos traballos da comisión e, especialmente, fixo referencia á documentación que os grupos requirirán para facer o seu traballo. Advertiu, neste sentido, que os “precedentes non son moi esperanzadores” lembrando o “obstrucionismo constante” que sofren os deputados e deputadas nacionalistas á hora de acceder á documentación da Xunta acolléndose ao artigo 9 do Regulamento da Cámara.
“Tense que acabar este tipo de veto no acceso á documentación e teñen a posibilidade de facelo nesta comisión”, dixo Bará, que confiou en que o PP non vete a comparecencia no Parlamento ni do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin do seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, co que están relacionados por vínculos familiares algúns dos beneficiados polos contratos que serán obxecto de investigación.
Segundo o aprobado na primeira reunión da comisión, os grupos terán agora de prazo até o día 28 de outubro para presentar as súas propostas de plan de traballo na comisión.