BNG fai un chamamento á diáspora galega a apoiar a Ana Pontón o vindeiro 18 de febreiro
Ana Miranda: “Con Ana Pontón como presidenta da Xunta nunca acontecería o desmantelamento dos centros con legado galego en Bos Aires e Montevideo”
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fai un chamamento á diáspora galega a depositar a súa confianza en Ana Pontón como candidata do Bloque para acadar a presidencia da Xunta de Galiza tras as vindeiras eleccións galegas, xa que con ela como presidenta “nunca acontecería o desmantelamento e a privatización dos centros con legado galego tanto en Bos Aires como en Montevideo”.
Segundo subliña a eurodeputada nacionalista, “Ana Pontón é a candidata mellor valorada, que respecta a emigración e que fará todo o posible para recuperar o legado levantado pola emigración galega, polo que sería unha gran noticia que nas próximas eleccións do 18 de febreiro contase co apoio dos galegos e galegas que viven na diáspora”.
Precisamente Ana Miranda lembra as iniciativas desenvolvidas polo Bloque no obxectivo de evitar o desmantelamento tanto do Centro Galego de Bos Aires como da Casa de Galicia de Montevideo. Tanto en Bos Aires como en Montevideo mantivo nos últimos anos diferentes encontros coas colectividades galegas, co obxectivo de abordar a súa situación actual e os problemas que preocupan á colectividade galega.
Desidia do PP
Neste sentido, a eurodeputada do Bloque critica a inacción e a desidia do goberno do Partido Popular, ao non ter feito nada durante anos para evitar o desmantelamento e a privatización do patrimonio sociosanitario e cultural da Casa de Galicia de Montevideo pese a terllo solicitado -nun proceso carente de transparencia-, como o propio goberno uruguaio recoñeceu.
Ana Miranda salienta o gran valor simbólico desta institución, xa que foi fundada por emigrantes galegos hai máis dun século, en concreto en 1917, e acolleu o goberno galego no exilio. Entre o seu patrimonio cultural máis destacable figura a escultura A Santa, do escultor cambadés Francisco Asorey, que pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo entre 1951 e 2021 e que tras as presións da colectividade galega e o Bloque, a Xunta chegou a un acordo co Museo José Zorrilla de Uruguai para que pase a formar parte da súa colección permanente.
Para o BNG non só é prioritario o traballo a prol da conservación do patrimonio, senón por suposto atender as necesidades das colectividades, dado que as actividades que realizan son un apoio fundamental no día a día das galegas e galegos emigrados e das súas familias. Ao respecto, Ana Miranda salienta que a administración terá especialmente en conta “a protección e salvagarda do patrimonio cultural das comunidades, xa que é un tesouro do pobo galego e a atención ás persoas das comunidades galegas máis vulnerables (persoas de baixas rendas, vítimas de violencia xénero...), e establecemento de medidas efectivas para asesoría e o respaldo económico en colaboración coas diferentes administracións”.