O BNG expón na Festa do Avante do PCP as propostas para avanzar na soberanía de Galiza

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, encabezada por Néstor Rego e Montse Prado, participou na Festa do Avante, o máis importante evento político-cultural do ano en Portugal, organizado polo Partido Comunista Português (PCP).

No cadro da Festa e enmarcado nas conmemoracións do 40 aniversario do 25 de Abril, un Seminario Internacional sobre a situación da Europa e do mundo corenta anos despois da Revolução dos Cravos, encontro en que participaron máis de 40 partidos comunistas e organizacións progresistas e anti-imperialistas doutros tantos países.

En nome do BNG, Néstor Rego interviu no encontro para explicar as propostas do nacionalismo galego en defensa do dereito de autodeterminación da soberanía nacional, e as vantaxes que tería para Galiza contar cunha estrutura de estado, que lle permitiría decidir libremente, sen inxerencias externas, o máis acaído aos intereses do pobo galego, ao seu desenvolvemento social e económico e á creación de emprego.

Rego subliñou que a soberanía permitirá non só desenvolver plenamente a personalidade da Galiza, rompendo a dependencia de España, senón que tamén “posibilitará construír unha sociedade radicalmente nova, realmente democrática, libre, xusta, igualitaria e con benestar”.

O BNG manterá, durante os tres días que dura a tradicional celebración da Festa do Avante, un posto informativo para achegar a realidade da Galiza e as propostas do nacionalismo aos millares de persoas que a visitan. Ao tempo, manterán tamén contactos e reunións bilateriais non só coa forza anfitrioa, o PCP, senón tamén con moitas outras organizacións e partidos de distintos países, fundamentalmente da América Latina e da lusofonía.