BNG exixirá responsabilidades á Xunta logo da sentenza do TSXG que anula a repotenciación do parque eólico do Roncudo
Noa Presas afirma que este novo pronunciamento xudicial certifica que “o boom eólico depredador do PP de Feixóo é insostible e antidemocrático”
Reclamará no Parlamento unha nova ordenación do sector que permita o seu desenvolvemento, pero de xeito sostible e con retorno para o País
BNG rexistrará de maneira inmediata no Parlamento galego unha batería de iniciativas para exixir responsabilidades á Xunta, logo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) coa que vén de anular a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme.
Segundo a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, a anulación débese a “feitos moi graves” como é a redución á metade, de 30 a 15 días, do prazo para as alegacións e a que, ademais, “como se iso fose pouco, faltaban informes que eran necesarios para calibrar cal era o verdadeiro alcance deste parque”.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Bloque xa levou a repotenciación deste parque ao Parlamento, logo das denuncias das persoas propietarias de terreos afectados diante do Goberno galego de numerosas ilegalidades como pistas construídas en terreos sen expropiar, expropiación de fincas que xa están ocupadas polo parque antigo e polo novo ou modificacións de contratos en vigor.
Para o BNG -que enmarca na lei de depredación de 2017 (denominada lei de fomento da implantación empresarial) unha situación que se agrava coa lei de 2021 (de reactivación e simplificación administrativa)-, esta nova sentenza vén “poñer negro sobre branco ao que “organizacións ecoloxistas, sociais e políticas levamos tempo denunciando e é que o boom eólico depredador do PP de Feixóo é insostible, é antidemocrático e está ocasionando unha auténtica desfeita en Galiza”, recorda Presas, quen advirte que o gran problema de pronunciamentos xudiciais coma este ou os do Iribio ou As Sasdónigas “é que chegan, pero chegan tarde, cando unha parte da desfeita xa está cometida e cando xa hai un grave dano no patrimonio e no medio ambiente”.
Así pois, nas distintas iniciativas parlamentarias, o Bloque exixirá ao Executivo Núñez Feixóo explicacións inmediatas “porque alguén ten que poñer a cara e a carta de dimisión diante deste absoluto escándalo”, pero tamén incidirá no problema de fondo, que é a necesidade dunha nova ordenación do sector, que permita o desenvolvemento eólico, “pero de forma respectuosa coa poboación, con garantías democráticas, con respecto ao medio ambiente”.
“E tamén -conclúe Presas- favorecendo que haxa un retorno económico para o País e non que se poñan simplemente os recursos naturais, caian quen caian, única e exclusivamente ao servizo dos intereses do lobby eléctrico ao que despois se fugan os conselleiros e conselleiras do PP”.