O BNG exixirá explicacións á Xunta no Parlamento galego polo gromo masivo de COVID19 na residencia de Vilalba
O BNG exixirá explicacións á Xunta no Parlamento galego ante o gromo masivo de COVID19 rexistrado na residencia Asilo de Vilalba e volverá a reclamar na Cámara a intervención de todos os centros privados de maiores “para garantir a seguridade das súas usuarias e usuarios”.
Así o avanza a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen considera “inadmisible” que o Goberno galego non actúe con carácter preventivo e non blinde as residencias privadas. “Dende o BNG volvemos pedirlle á Xunta que interveña todas as residencias de maiores privadas para que non poida volver a acontecer o que levamos visto, non só en Vilalba, senón tamén en Salvaterra, en Ribadumia ou noutros centros do país”, recalcou.
Logo de preguntarse “como pode ser posible que algo así volva a acontecer despois de todo o que levamos vivido nos últimos meses neste país”, a deputada por Lugo advertiu de que o gromo masivo do residencial de Vilalba, que xa afecta a máis de 160 persoas, constata que o Executivo galego “non está a actuar como debería”. “Non está a anticiparse ao virus -subliña- e só intervén nas residencias cando se producen, como acontece en Vilalba, contaxios desta envergadura”.
Para a deputada nacionalista por Lugo “non é de recibo” que os centros de maiores, onde segundo lembrou, vive poboación extremadamente vulnerable, “concentren case a metade das persoas falecidas por COVID19 no noso país”. Neste sentido reprocha á Xunta a súa falta de políticas preventivas e cuestiona que as residencias “non estean blindadas oito meses despois de que se decretase a emerxencia sanitaria”.
Ante o gromo detectado en Vilalba e que vén engrosar unha longa e triste listaxe nos últimos meses, o BNG reclama unha vez máis ao Executivo galego que se anticipe ao virus e interveña todos os residenciais privados. “A Xunta ten que anticiparse e asegurar que estes centros conten cos medios humanos e materiais necesarios para poder facer fronte á pandemia e garantir así que as persoas usuarias teñen a mellor asistencia e coa máxima calidade posible”, conclúe Rodil.