Congreso

BNG exixirá ao Goberno do Estado anular a concesión da AP-9 e impulsar a transferencia á Galiza

Néstor Rego

A frente nacionalista interpelará ao executivo para demandar a supresión das portaxes na autoestrada do Atlántico despois de que a Comisión Europea abrise de novo un procedemento de infracción ao Estado pola ampliación do prazo na concesión

“Se a día de hoxe as galegas e galegos seguimos a pagar portaxes na AP-9 é grazas ao Partido Popular. Se hoxe pagamos menos é grazas ao BNG” subliña Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará no vindeiro pleno da cámara alta ao Goberno do Estado para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9. Durante a intervención, Rego demandará ao executivo a supresión das portaxes na autoestrada do Atlántico e o impulso da transferencia á Galiza.

Durante a sesión plenaria no Congreso da vindeira quarta feira, 22 de maio, a frente nacionalista demandará ao Goberno realizar as actuacións necesaria para modificar o actual sistema de explotación e xestión da autoestrada AP-9 e axilizar os trámites para a transferencia á Galiza da súa titularidade.

“Se a día de hoxe as galegas e galegos seguimos a pagar portaxes na AP-9 é grazas ao Partido Popular. Se hoxe pagamos menos é grazas ao BNG” subliña o deputado do BNG no Congreso. De facto, lembra que frente a xestión do PP,  “o BNG conseguiu bonificacións que fan que os usuarios paguen unha cuarta parte do que está establecido”.

Para a organización nacionalista, as últimas informacións chegadas desde Europa a respecto da prórroga na concesión a AUDASA da explotación da AP-9 “son unha oportunidade de ouro para poñer fin á estafa das peaxes abusivas e ao agravio que sofre a Galiza en materia de autoestradas de portaxe”. O deputado nacionalista lembra que a prórroga foi aprobada por un Goberno do Partido Popular, por aquel entón presidido por Aznar, e foi concedida, segundo os informes da Comisión Europea, “de forma irregular”.

Así mesmo, Néstor Rego avanza outros recados que demandará ao Goberno do Estado durante a interpelación como é a supresión das portaxes na autoestrada do Atlántico. “Solicitaremos que o Estado asuma a xestión directa da autoestrada e suprima as peaxes” afirma Rego.

Por último, e tal e como vén reclamando a organización nacionalista durante moito tempo, exixirá axilidade durante a tramitación e transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza. Unha loita social e política, lembra Rego, que contou co bloqueo de todas as forzas que gobernaron o Estado: primeiro polo PP e despois polo PSOE. “Ana Pastor, por exemplo, vetou a tramitación parlamentaria cando foi Presidenta do Congreso e na anterior lexislatura o PSOE bloqueouna” denuncia o deputado do BNG.