BNG exixe á Xunta que remate coa discriminación salarial e a precariedade do persoal sanitario e planifique xa o seu descanso
Montserrat Prado advirte que as e os profesionais da sanidade cobran ata 430 euros menos que xs da mesma categoría na Administración Xeral galega
“O persoal sanitario precisa recoñecemento real, non de titular”, recrimina, para urxir ao Goberno do PP a cumprir os acordos de equiparación salarial
“O persoal do Sergas leva realizado moitos esforzos e sacrificios para que a situación de deterioro da sanidade pública galega non sexa máis evidente; lévase volcado para que esa situación non se teña trasladado con máis intensidade ás doentes; e, por parte da Xunta, na vez de terlles compensado eses esforzos, non fixo máis que maltratalo, ningunealo e desprezalo”. Así describiu a situación das e dos profesionais no Parlamento galego a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, para exixirlle ao Goberno galego que remate coa súa precariedade laboral e coa discriminación salarial que seguen sufrindo mesmo despois do sacrificio realizado durante a pandemia.
“As e os profesionais precisan recoñecemento ao seu traballo, máis non de titular, senón real”, recalcou nunha pregunta ao Executivo na comisión parlamentaria de Sanidade, para reclamar a continuación que dito recoñecemento comeza “por rematar coa discriminación salarial que representa que o persoal do Sergas cobre un complemento específico en menor contía do que se contempla na orde de nóminas da Xunta e, polo tanto, menos que outro persoal da Xunta”.
Prado referiuse así á “conxelación e paralización” dos acordos retributivos acadados en 2008-2009 para avanzar na equiparación salarial do persoal do Sergas en relación ao da Administración da Xunta ou ao doutros servizos de saúde do Estado. Estes acordos retributivos supoñían o paulatino incremento salarial anual ata acadar dita equiparación e que tamén incluían o recoñecemento salarial no traballo de atención continuada 365 días ao ano, sete días á semana, 24 horas ao día.
Eses acordos seguen sen facerse efectivos, o que supón que, a día de hoxe, o persoal de grupo A1 (un ou unha médica, por exemplo), de grupo A2 (enfermería) e de grupo C1 (unha ou un técnico de laboratorio ou RX) perciban 433 euros, 380 e 231 euros mensuais menos, respectivamente, que profesionais das mesmas categorías na Administración da Xunta. “A que agardan para proceder á equiparación do complemento específico e de atención continuada do persoal do Sergas?”, recriminou logo de subliñar que o persoal da sanidade pública galega precisa “condicións laborais dignas”.
Así, a deputada nacionalista advertiu do elevado número de profesionais que está en suspensión de chamada nas listas de contratacións (cifrándoo en arredor do 30% do total), o que está a provocar a captación destes profesionais por parte da sanidade privada, “que ofrece maior estabilidade e mellores salarios”.
De igual xeito, lembrou que a pandemia “evidenciou máis ca nunca a baixa ratio de profesionais”, feito que exemplificou no rateo de enfermería por mil habitantes, no que Galiza é a segunda pola cola do Estado, “o que obrigou incluso a non poder ter descansos e mesmo dobrar quendas para garantir os coidados das e dos pacientes”. A este respecto reclamou ao Goberno do PP a planificación das vacacións e tempos de descanso logo de “14 meses de intensísimo esforzo”, porque, segundo resaltou, “a día de hoxe, a inmensa maioría do persoal non sabe se vai poder gozar das tan merecidas vacacións, nin en que porcentaxe, nin cando; ou os días libres que lle corresponden”.
A portavoz de Sanidade do BNG tamén reprochou ao Executivo galego que as ofertas públicas de emprego do Sergas dos últimos tres anos “non suman nin a quinta parte do que sería necesario” para cubrir as necesidades actuais da sanidade pública galega e concluíu exixindo o reforzo de profesionais que é preciso para garantir unha correcta cobertura e a calidade asistencial do sistema sanitario.