BNG exixe á Xunta que rectifique e destine á sanidade pública da área sanitaria de Vigo os 160 millóns anuais que cede á privada
BNG exixiu á Xunta no Parlamento galego que rectifique as súas políticas privatizadoras na área sanitaria de Vigo e dedique á sanidade pública os case 160 millóns de recursos públicos anuais que destina as empresas sanitarias privadas. “É inaceptable que o Sergas, na vez de dedicar estes recursos á sanidade pública para dar resposta ás necesidades sanitarias, opte por deixala baixo mínimos mentres destina millóns de euros a unha multinacional para facer unha actividade que se pode e debe realizar nos hospitais públicos”.
Deste xeito censurou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, o modelo que está a desenvolver o Goberno do PP, baseado en decisións que “condicionan a atención sanitaria da área de Vigo para garantir a súa dependencia da sanidade privada”. Neste sentido, explicou que, logo da redución de servizos no hospital Álvaro Cunqueiro e a infrautilización do hospital Meixoeiro “para seguir mantendo un concerto millonario con Povisa”, a publicación da licitación este pasado mes de outubro dun Acordo Marco para esta área sanitaria é, en realidade, “un concurso para rebaixar a lista de espera cirúrxica e de exploracións complementarias que abre a porta a remitir á sanidade privada tamén consultas médicas e urxencias”.
“Un contrato de millóns de euros para que os hospitais privados rebaixen a lista de espera da área sanitaria de Vigo, de xeito especial, o hospital Povisa, Ribera Salud, a empresa da multinacional Centene Corporation que, tal e como están os pregos será a gran beneficiaria por como está deseñado o concurso”, denunciou, para a continuación recalcar que este Acordo Marco está concibido para que “os hospitais privados presten os servizos sanitarios que tiña que prestar a sanidade pública” a unha poboación de máis de 566.000 habitantes pertencentes a 26 concellos.
Prado incidiu en que este acordo significa “destinar á sanidade privada 16,5 millóns en 2 anos, pero que con modificacións e prórrogas, que pola experiencia que temos, sempre se producen esas prórrogas, poden chegar aos 49,5 millóns e que se veñen sumar aos case 38 millóns que este ano se paga de canon pola construción do Álvaro Cunqueiro, aos máis de 27,5 de canons tamén polos servizos no Álvaro Cunqueiro e aos 85 millóns que xa lle pagamos a Povisa polo concerto anómalo que se mantén ano tras ano e década tras década”. “Polo tanto, case 160 millóns de euros de recursos públicos destinados na área sanitaria de Vigo para empresas privadas, na vez de actuar para prestar a atención sanitaria desde o público”, recriminou.
Logo de lembrar que Povisa é un dos grandes perceptores de recursos públicos a través do concerto, representando “arredor do 40% da totalidade da actividade sanitaria que o Sergas concerta con entidades privadas”, a deputada nacionalista advertiu que, a pesar disto, a lista de espera cirúrxica elevábase en xuño deste ano a 2.766 persoas. “E na vez de esixirlle responsabilidades, o Sergas decide premiar a este hospital, aumentando aínda máis o seu financiamento”, reprobou, para a continuación acusar ao PP de reforzar aínda máis o papel do grupo Ribera Salud na área sanitaria de Vigo “facendo depender aínda máis a nosa asistencia sanitaria deste grupo privado que ten que renegociar no próximo ano o seu concerto, polo que atende a 130.000 persoas”.
Para Prado, dar entrada agora a este grupo no reparto das intervencións, exploracións complementarias e posiblemente consultas “supón reforzalo na negociación do concerto” e, nesta liña, reclamou á Xunta que “antes de pagarlle a Povisa para que baixe as listas de espera da sanidade pública, ten que esixirlle a eliminación das súas listas de espera no referido á poboación que ten asignada polo concerto asinado co Sergas e fiscalizar o uso que fai dos máis de 80 millóns anuais que recibe”.
Segundo recalcou, urxe que a Xunta rectifique e que “deixe de actuar como comercial das empresas privadas e dos fondos de investimento e de reforzar a Ribeira Salud” para comezar a “defender o dereito da cidadanía da área sanitaria de Vigo a ter unha sanidade pública de calidade”. Por iso, concluíu emprazando ao Executivo galego a, primeiramente, dedicar os 49,5 millóns do Acordo Marco que o Sergas quere destinar aos hospitais privados para que atendan a doentes en lista de espera a “tomar medidas para solucionar os problemas estruturais da área” e dotala dos recursos e profesionais que precisa.