parlamento galego

BNG exixe á Xunta que inclúa a actividade de regasificación de REGANOSA no imposto do IAE para que manteña o nivel de tributación no Concello de Mugardos

Mon Fernández Alfonzo

Fernández Alfonzo critica o apoio do Partido Popular co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á cabeza, aos intereses da empresa REGANOSA e contra os intereses do concello

Os nacionalistas apostan por solucións que vaian pola vía de dotar normas tributarias adaptadas ás novas actividades económicas que se realizan no Concello de Mugardos

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Ramón Fernández Alfonzo, exixiu no Parlamento as modificacións normativas necesarias para que REGANOSA siga pagando no Concello de Mugardos a mesma cantidade que viña pagando antes da resolución do Tribunal Económico-Administrativo Central (TE-AC).

Fernández Alfonzo advertiu que asumir como feitos consumados a situación que vai camiño de consolidarse “significa para o Concello de Mugardos que REGANOSA reduza a súa contribución ao Concello desde os 467 mil euros/ano a 34.183€”, igualando para os efectos tributarios ao Concello de Mugardos con outros concellos por onde pasa o gasoduto, como Fene ou Miño, e obviando, como se isto fose posíbel, que “é nas instalacións do Concello de Mugardos onde se realizan, en exclusiva, as operacións de carga e descarga dos buques que transportan o gas natural licuado, as operacións de regasificación, e as de almacenaxe, é dicir, aquelas que verdadeiramente caracterizan a actividade da empresa e que ademais condicionan a vida diaria dos veciños e veciñas de Mugardos e da súa contorna”.

Cando a empresa REGANOSA iniciou a súa actividade inscribiuse no epígrafe 123.2 do IAE, correspondente á Distribución de Gas Natural. O deputado do BNG destacou que “posteriormente, no ano 2010, a Axencia Tributaria, de oficio, corrixiu esa inscrición pasándoa ao epígrafe 152, que corresponde a Fabricación, distribución e comercialización de gas”. REGANOSA recorreu esta modificación realizada pola Axencia Tributaria, e despois de perder no TE-AR, “por fin no ano 2019 o TE-AC resolveu que o epígrafe que lle corresponde a REGANOSA é o 123.2”.

É dicir, no epígrafe 152, correspondente ás actividades de “Fabricación, distribución e comercialización de gas” pagaría 467 mil euros/ano; no epígrafe 123.2 correspondente ás actividades de “Distribución de Gas Natural” pagará 34.183€.

“Non existe no Imposto de Actividades Económicas epígrafe ningún que recolla especificamente a actividade que realiza REGANOSA” salientou Fernández Alfonzo. “De feito, a propia empresa nos seus recursos, e os tribunais económico-administrativos que resolven estes recursos, comezan os seus razoamentos con esta constatación: REGANOSA realiza unha actividade non recollida especificamente en ningún dos epígrafes do IAE”. Por esta razón se produce a discusión, de porque non estando expresamente recollida os tribunais tiveron que realizar un labor de interpretación da norma parar encadrar a actividade de REGANOSA no epígrafe que estimaron que mellor corresponde.

O deputado da comarca de Ferrol, aclarou que “o Concello de Mugardos non impugnou a resolución do TE-AC, que era recorrible perante a AN, e polo tanto a Xustiza, os tribunais ordinarios, non tiveron ocasión de pronunciarse sobre a interpretación da norma que se realizou en sede administrativa” e que ademais “todas as partes recoñecen, a actividade que realiza REGANOSA non está especificamente recollida no IAE”.

O deputado nacionalista salientou que “o Partido Popular centra o problema na reclamación dos 5 millóns, e di que o BNG bloquea a solución, e pasa de puntillas sobre o feito, claro e evidente, de que o problema vén provocado pola existencia dunha reclamación que os cinco representantes da Xunta no Consello de Administración de REGANOSA apoiaron e obvian o problema da menor tributación a partir de agora e cara diante”.

O BNG non comparte a decisión que os representantes da Xunta no Consello de Administración de Reganosa, co presidente Rueda á cabeza, tomaron no seu día votando a favor de que REGANOSA presentara reclamación contra o concello de Mugardos. “Algo que deberían explicar con detalle, porque desde logo resulta moi difícil de entender , que o presidente da Xunta apoie dun xeito tan radical os intereses dunha empresa en contra dos intereses dun Concello”.

“Cremos que a solución que debemos achegar desde as institucións é outra”. O BNG aposta por solucións que vaian pola vía de dotarnos de normas tributarias adaptadas aos tempos, adaptadas ás novas actividades económicas que se realizan no mercado, e adaptadas ás características desta actividade, que neste caso concreto é claro que se concentra no Concello de Mugardos.