BNG exixe á Xunta que desenvolva a lei para blindar a cooperación local comprometida por Feixóo xa en 2017

Luís Bará
Luís Bará reclama un fondo único de todas as subvencións e axudas aos concellos, incluídos os recursos canalizados por convenios “partidistas”  

BNG reclamou ao Goberno galego no Parlamento que desenvolva a lei para blindar a cooperación local que o anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, comprometeu impulsar xa en 2017. “Estamos esperando por esa lei dende hai cinco anos, tempo suficiente para impulsala se hai vontade política, pero o que vemos é que non a hai”, reprochou o deputado nacionalista Luís Bará á directora xeral de Administración Local nunha pregunta na comisión primeira da Cámara galega.

Bará referiuse deste xeito ás demandas da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que reclama a aprobación dunha lei autonómica de participación nos ingresos da comunidade autónoma dos concellos galegos consensuada coa propia FEGAMP  na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto, así como a progresiva integración no Fondo de Cooperación Local das axudas e subvencións anuais que a Administración galega destina ás entidades locais.

Para o deputado nacionalista, cómpre dar resposta a esta solicitude en dúas fases, a primeira, “que se pode facer xa nos próximos orzamentos da Xunta porque non implica ningunha modificación legal”, sería a integración nun fondo único de todas as subvencións e axudas, incluídos os recursos que actualmente se canalizan vía convenio e que o BNG xa ten denunciado en reiteradas ocasións que “se reparten con criterios absolutamente partidistas”. En segundo termo, pero nun traballo en paralelo, sería a aprobación desta lei co obxectivo de evitar que o financiamento local “dependa de ningunha variabilidade política e quede fixado a través dunha norma legal”.  

Logo de advertir que o Fondo de Cooperación Local está conxelado dende hai moitos anos e que o fondo base -o común para todos os concellos- mantense nos 112 millóns, Bará tamén emprazou ao Executivo galego a, como demanda a FEGAMP, asumir os custos íntegros de centros educativos e de saúde, conservatorios, centros de atención á drogodependencia ou xulgados de paz, entre outros, “que son claramente de competencia autonómica”.

Por último, tamén convidou á directora xeral de Administración Local a avanzar algunha información sobre a auditoría do Goberno galego en relación ás competencias que asumen Xunta e concellos e se o seu Executivo tiña pensado contrastala coa información da FEGAMP, cuestión que a directora xeral eludiu responder e sobre a que o deputado nacionalista avanzou que o BNG solicitará a correspondente documentación polo artigo 9 do regulamento do Parlamento.