BNG exixe á Xunta que as concesionarias do transporte público por estrada cumpran os contratos e ofrezan ás persoas usuarias un servizo de calidade
O deputado do BNG, Paulo Ríos defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a velar polo cumprimento dos compromisos das empresas beneficiadas con contratos para o transporte público en Galiza por estrada, proposta que o Partido popular rexeitou.
Na súa intervención, denunciou “o trato de favor” e “encubrimento” da Xunta dos incumprimentos das concesionarias . Como vimos denunciando en varias ocasións, dixo, “a Xunta de Galiza quedou soa na defensa do Plan de Transporte Público de Galiza”, un plan, que ao seu xuízo, lonxe de mellorar a calidade do servizo, só responde á intención de seguir alimentando “ao grupo empresarial Monbus e ao seu monopolio”, prexudicando ás persoas usuarias e destruíndo o sector do transporte público.
Para o deputado, a Xunta de Galiza non vela polo cumprimento dos contratos e de maneira “consciente” sobre os adxudicados a Monbus e UTE que controlan o servizo.
“Todas as empresas deben cumprir os acordos asinados coa entidade pública mais só se está a perseguir, e dun xeito moi eficaz, ás empresas que operan fóra do monopolio do transporte público por estrada”, recalcou.
O grande problema, considerou o nacionalista é que Monbus e as súas UTE teñen o control do 80% dos contratos de transporte.
Continuos incumprimentos sen resposta da Xunta
Cando falamos de incumprimentos, afirmou Paulo Ríos, falamos de “eliminación de paradas e itinerarios, incumprimento dos km conveniados, modificación de paradas e horarios, retrasos reiterados e inxustificados, vehículos que superan amplamente a idade máxima acordada, incumprimento dos certificados ambientais acordados, vehículos en mal estado e carencia de sistemas de seguridade e seguimento dos vehículos”.
O deputado do BNG, negou que a actual situación se centre en irregularidades puntuais que se solucionan rapidamente, como alega a Xunta de Galiza, porque a empresa “Monbus non dispón da flota de vehículos necesaria para levar a cabo os contratos que ten asinados coa Xunta de Galiza”.
O nacionalista explicou que o modus operandi da empresa sempre é o mesmo, “rotar os vehículos cando existen queixas e destinalos a outro lugar a pesar do seu mal estado ou superar a idade permitida para realizar o servizo”. A maiores, os incumprimentos tamén están relacionados coa duplicidade ou a non coincidencia das matrículas dos vehículos en diferentes lotes.
Esta situación, sinalou Paulo Ríos conta co “coñecemento e conivencia da Xunta”. Nesta liña lembrou que o pasado 30 de agosto do 2022 rematou a prórroga das empresas concesionarias para subsanar as diferencias entre o ofertado e o existente en materia de idade dos vehículos ou certificación ambiental dos mesmos.
Pasada esta data, vemos como “estas ofertas continúan a incumprirse sen que a Xunta de Galiza tome as medidas necesarias para garantir o cumprimento das ofertas dos contratos” e por outra banda, a Xunta segue negando a documentación requirida polo grupo parlamentario do BNG sobre os “expedientes e sancións resoltos”.
Finalmente, o deputado tamén se referiu á memoria anual do Plan de Transporte Público de Galiza, publicada a finais do ano 2022, que reflicte unha grande diferencia entre os documentos e a realidade porque só recolle os datos presentados nas ofertas gañadoras dos contratos públicos de transporte sen reparar nas ofertas que non se están a cumprir.