BNG exixe á Xunta que actúe para garantir a calidade do servizo de autobuses nas Mariñas e as conexións con Ferrol e A Coruña
BNG levou hoxe ao Parlamento galego o empeoramento do servizo de comunicación intercomarcal de autobuses que, dende a adxudicación dos novos contratos de transporte da Xunta, sofre a comarca das Mariñas e as conexións coa Coruña e Ferrol e que leva meses provocando as queixas das persoas usuarias, mesmo organizadas nunha plataforma de afectadas, sen que, polo momento, fosen escoitadas as súas demandas.
Nunha pregunta parlamentaria na Comisión de Ordenación do Territorio, Obras Públicas e Servizos, o deputado nacionalista Paulo Ríos reclamou ao Goberno galego que interveña para que a concesionaria, a UTE Hércules Norte, cumpra as condicións do contrato e rectifique a redución de frecuencias, horarios e paradas na comarca das Mariñas e nas súas conexións con ámbalas dúas cidades.
Segundo explicou, antes desta nova concesión, prestábase especial atención ás persoas traballadoras e estudantes con liñas que permitían o desprazamento directo nas primeiras horas da xornada para acudir aos seus lugares de traballo e aos campus universitarios, un servizo que foi suprimido, unificando liñas, nas condicións da nova licitación que, ademais, por riba non se están cumprindo, con recortes tanto nas frecuencias, como nos horarios e nas paradas.
Isto está provocando unha situación caótica no uso deste transporte público comunitario e sen que o Executivo galego interveña, con persoas que se quedan fóra dos autobuses pola limitación de prazas de cada vehículo, ou retrasos considerables para chegar aos seus postos de traballo ou á súa formación académica, tanto pola redución de frecuencias e horarios, como polo alongamento dos tempos de cada traxecto, ao ter que facer máis paradas polos recortes nas rutas que antes eran directas. Ademais, en ocasións non é posible empregar os bonos de desconto porque, cando o servizo se ve superado, a concesionaria recorre a autobuses que non posibilitan a súa utilización.
“O que estamos pedindo é, primeiro, que se cumpran as condicións da actual concesión e se rectifiquen os horarios e as frecuencias recortadas e, en segundo lugar, que se reforce o servizo segundo a súa alta demanda”, resumiu Ríos, logo de recordar que o empeoramento do servizo xa motivou mobilizacións por parte da Plataforma de persoas afectadas e tamén distintas mocións en diferentes concellos, que xa foron trasladadas tamén á Xunta, para darlle solución ás deficiencias do servizo.
“Pagar taxis ás e aos afectados é un parche, non unha solución”, alertou para a continuación advertir que a concesionaria tamén incumpre as súas obrigas, sen que o Executivo galego tampouco interveña, en materia laboral, dado que ten estipulado que o o 100% do emprego sexa indefinido cando, en moitos casos, está utilizando contratos a través de ETTs. “Esperamos que na reunión que ten prevista a Xunta o próximo día 25 coas partes afectadas, faciliten respostas sobre o que está acontecendo, pero, sobre todo, solucións”, concluíu.