O BNG exixe á Xunta un protocolo que garanta a máxima seguridade sanitaria e a calidade educativa para o curso 2020/2021
O BNG reclama da Xunta que se sente a negociar coa comunidade educativo un verdadeiro protocolo para o inicio do curso escolar neste contexto marcado pola COVID19, co obxectivo de priorizar a seguridade do alumnado e de todo o persoal docente e administrativo.
Así o reclamou a deputada electa e portavoz de Educación na pasada lexislatura, Olalla Rodil, quen participou na cacerolada reivindicativa convocada pola CIG, sindicato maioritario no ensino, destacando que o curso 2020-2021 debe arrancar coas máximas garantías de seguridade sanitaria, porque o coronavirus non foi derrotado senón que segue entre nós como demostran canda día os rebrotes e novos casos de contaxios.
“O presentado polo Goberno galego non responde nin ás necesidades nin as urxencias que hai neste momento no ensino público e o que vemos é que a Xunta está a dar prioridade á criterios económicos en detrimento da calidade e da seguridade”, denunciou Rodil. Por contra, o Bloque considera urxente contratar máis profesorado para poder reducir a ratio de estudantes por aula en aras da seguridade, “que debe quedar garantida tanto dentro dos centros de ensino como nos servizos complementario como son o servizo de comedor ou de transporte”.
Rodil pide ao Executivo do PP, ao que ve “borracho de soberbia”, que se sente a dialogar e negociar coa comunidade educativa “porque ten que escoitar o que lle están a dicir as ANPAs e as organizacións sindicais, non se pode tomar medidas nunha cuestión de tanta envergadura sen contar coas persoas que despois teñen que facelas efectivas e moito menos intentar derivar ao persoal docente a responsabilidade que lle corresponde ao Goberno da Xunta”.
Por iso, o Bloque insiste na necesidade de dotar de recursos económicos, de contratar ao profesorado necesario no contexto COVID19 e de negociar un auténtico protocolo que garanta a máxima seguridade sanitaria e preserve a calidade do ensino público. Rodil, xunto coa tamén deputada electa e docente, Mercedes Queixas, participaron no acto de protesta convocado ante a Consellería de Educación en Santiago.