BNG exixe á Xunta que poña en marcha o seu Plan de Igualdade do que non dispón e que é obrigatorio por lei dende hai 14 anos
BNG exixiu á Xunta no Parlamento galego a posta en marcha do seu I Plan de Igualdade que debería ter desde hai 14 anos, pero que aínda non ten. Así o denunciou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen recriminou ao Goberno de Feixóo “máis dunha década de incumprimentos” neste sentido.
Rodil lembrou que a Lei do traballo en igualdade das mulleres foi aprobada en 2007 e nela establécese a obrigatoriedade da Administración galega de dispor dun plan de igualdade, se ben non foi ata 2017 cando o PP decidiu iniciar os trámites de elaboración, “dez anos despois da entrada en vigor” do texto lexislativo, afeou. En marzo de 2018, o presidente da Xunta anunciaba “a bombo e prato neste mesmo Parlamento” -recalcou- que a aprobación do I Plan de Igualdade era “inminente” e xusto un ano despois, o vicepresidente Alfonso Rueda aseguraba tamén na Cámara que o plan xa estaba elaborado, “trasladóuselles aos sindicatos e neste mesmo ano estará en vigor”.
“Era mentira, por suposto, -criticou con dureza a deputada nacionalista- porque non foi até setembro de 2019, unha semana despois das palabras de Rueda, un ano despois da comparecencia de Feixóo e 12 anos despois da aprobación da Lei, cando se reúnen as organizacións sindicais para presentar o informe de diagnose previa que a normativa esixe para a elaboración do plan de igualdade”.
Neste sentido, subliñou ante a secretaria xeral de Igualdade que o informe fora encargado a unha consultora externa e “nin sequera avalía o conxunto da Administración pública” como obriga a lei porque “exclúe aos e ás traballadoras dos entes autónomos e das entidades instrumentais e tampouco analiza os complementos salariais, entre outras cuestións”.
Rodil seguiu enumerando os incumprimentos do Executivo do PP e recordou que en marzo de 2021, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu recordar esta cuestión ao Parlamento e que, aínda onte, 24 de marzo, a conselleira de Igualdade emendou completamente ao seu propio Goberno asegurando non pleno que “están traballando na diagnose”. “Para non dar crédito, tendo en conta ademais que hai tres meses que nin sequera reúnen á comisión negociadora”, recalcou.
“Doce anos despois, a Xunta non foi quen nin de facer un diagnóstico que cumpra cos requisitos mínimos que lle marca a lei e iso que pagou por ela”, reprochou, logo de afear a “política de escaparate e propaganda” do PP e advertir que a Xunta debe cumprir as súas obrigas legais e servir de exemplo e de referente para o conxunto da sociedade.
“Cando pensa a Xunta cumprir coa súa obriga legal?”, concluíu a viceportavoz nacionalista, non sen antes advertir que “o diario de sesións deste Parlamento non aguanta unha mentira máis”.