BNG exixe á Xunta no Parlamento que reabra a Unidade de Atención ao Suicidio no Salnés e o PP veta a iniciativa
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a reapertura da Unidade de Atención ao Suicidio que estaba funcionando no centro de saúde da Parda e do Hospital do Salnés, dentro da área sanitaria de Pontevedra-Salnés, nunha iniciativa defendida pola portavoz nacionalista, Montserrat Prado, e que non prosperou polo veto do PP.
Prado -que tamén reclamou o aumento de recursos e persoal en todas as unidades de saúde mental desta área sanitaria, así como un informe de situación da atención á saúde mental na mesma- reprobou ao Executivo de Feixóo que a saúde mental “é unha das grandes damnificadas dos recortes que o PP leva realizando na sanidade pública galega” nos seus 12 anos de goberno, unha situación agravada polo impacto da pandemia.
Neste sentido, alertou dos 307 suicidios rexistrados no País no último ano, o que representa a maior taxa de suicidios do Estado, cun 13% por 100.000 habitantes fronte ao 7,79% da media estatal, e advertiu que os servizos de psiquiatría son “os de máis lista de espera no Sergas”, quen recoñecía en xuño deste ano 7.020 persoas agardando por unha cita. “Neste contexto xeral, a área sanitaria de Pontevedra-Salnés sae aínda peor parada; se a situación é dramática en Galiza, nesta área sanitaria, peor aínda”, reprochou.
Así, sinalou que hai xa 25 anos un informe realizado pola Comisión asesora en materia de saúde mental situaba entón en 18 profesionais de psicoloxía xs necearixs para atender ás necesidades desta área sanitaria e “hoxe non hai nin a metade” e teñen un carga diaria por profesional “notablemente maior que no resto de Galiza”. A isto engadiu que unha área integrada por 27 concellos con máis de 300.000 persoas só conta, fóra da atención hospitalaria, con 3 unidades de saúde mental de adultos e unha infanto-xuvenil, “todas saturadas e cada cal con máis carga asistencial e escasez de persoal” e censurou que, a día de hoxe, “estanse poñendo consultas de seguimento a 6 meses, cando hai un ano estaban en 3 meses”.
A deputada nacionalista recriminou ao Goberno do PP que mulleres e nenas que precisan de atención psicolóxica son derivadas aos Centros de Información da Muller (CIM), o que considerou “inaceptábel esta forma de proceder da Xunta, dado que os CIM son puntos de atención á muller en cuestións de igualdade e violencia de xénero”. “E no mes de xuño crearon a perspectiva de mellora, abrindo unha Unidade de Atención ao Suicidio que pecharon en outubro, 5 meses despois”, criticou, para a continuación advertir que as persoas que estaban sendo atendidas nesta unidade son derivadas ás Unidades de Saúde Mental, “que están máis que saturadas, vendo interrompido o seu tratamento”.
Ante o posicionamento do grupo parlamentario do PP durante o debate da iniciativa, Prado lamentou o “nivel de indecencia do PP, que medra cada día nas súas intervencións” ao derivar responsabilidades cara a concellos e profesionais cando “as competencias en sanidade son da Xunta”. “É absolutamente esperpéntico que veñan aquí a botarlle responsabilidades aos concellos, aos profesionais, non sei a quen, menos a quen ten a competencia e a obriga de dar alternativas e solucións”, recriminou.
“A realidade é a que vimos de retratar e a realidade é que o PP maltrata sistematicamente á veciñanza do Salnés cunha asistencia sanitaria de terceira, suprimindo a área sanitaria; eliminando pediatría en Meis, Meaño, Ribadumia e A Illa; pechando o consultorio de Paradela e Vilaxoán coa promesa de abrilos e seguen pechados; con centros de saúde nun estado lamentable como é o caso do Grove ou San Roque, en Vilagarcía; e coa peor asistencia de toda Galiza en saúde mental”, exemplificou con severidade, para concluír a continuación que “esta é a realidade da que é unicamente responsable o PP na Xunta que é quen ten que dar respostas a esta situación”.