BNG exixe á Xunta que interveña ante as irregularidades no servizo de transporte sanitario non urxente da EOIX da Coruña
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que vele polo cumprimento do prego de contratación do transporte sanitario non urxente na EOXI da Coruña e actúe para mellorar as deficiencias denunciadas polo cadro de persoal.
Nunha pregunta ao Executivo galego na comisión parlamentaria de Sanidade, a portavoz nacionalista de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira, lembrou as numerosas mobilizacións realizadas polos traballadores e traballadoras das ambulancias durante os últimos anos, dadas as condicións nas que realizan o seu traballo. Neste sentido, advertiu de que as numerosas irregularidades que se están a dar no sector do transporte sanitario non urxente “teñen que ver en moitos casos co incumprimento dos pregos de contratación”.
Así, sinalou ao incumprimento dos plans de formación que se estipulaban no contrato asinado entre o Sergas e a UTE concesionaria do servizo, a falta da dotación do número de vehículos especificados no contrato ou, a que sinalou como “máis grave”, a vulneración do prego no que atinxe ao cadro de persoal.
Segundo explicou Carreira, as ambulancias tipo C (destinadas a prestar soporte vital avanzado) teñen que contar pola normativa vixente, como mínimo, cunha condutora co título de técnica en emerxencias sanitarias, unha enfermeira e, de ser preciso, cunha médica. “Mais a UTE concesionaria do servizo na Coruña non conta con persoal de enfermería entre os seus contratados, a pesar de que no parque móbil suxeito ao contrato co Sergas figuran catro ambulancias asistenciais tipo C”, alertou.
A deputada nacionalista recordou a denuncia das traballadoras neste sentido, que advirten de que cando é preciso persoal de enfermería, recórrese a persoal do Sergas, “vulnerando de xeito flagrante o recollido nas cláusulas de contratación”. Segundo salientou, a situación veuse agravada coa pandemia, co traslado colectivo de pacientes con enfermidades infectocontaxiosas, cando as numerosas normativas que regulan o transporte colectivo exixen que estas persoas sexan trasladadas de xeito illado ou con denuncias tamén polo incumprimento dos protocolos establecidos para a limpeza e desinfección dos vehículos despois de transportar a pacientes que precisan precaucións de illamento.
Ante esta situación, a portavoz de Sanidade Hospitalaria recordou que a Xunta ten a obriga de velar polo axeitado cumprimento das condicións do prego de contratación que, sendo vulneradas, derivan nun prexuízo patrimonial para as arcas públicas “por estar suplindo parte do persoal que ten que poñer a concesionaria”. Carreira reclamou ao Executivo galego que atenda as denuncias formuladas polas traballadoras, que foron trasladadas tanto á empresa como á Xerencia do Sergas e, mesmo nalgún caso, presentadas ante instancias xudiciais.
“Non quixeramos interpretar que existe algún tipo de connivencia con certos grupos empresariais aos que se lles pode dar unha permisividade”, concluíu, logo de lembrar que as traballadoras da concesionaria tamén teñen alzado recursos polas súas condicións laborais ante a Inspección de Traballo, que xa levantou acta por supostas irregularidades nas cotizacións.