BNG exixe á Xunta do PP tomar as medidas necesarias para a recuperación dos bancos de libre marisqueo

Rosana Pérez
Rosana Pérez denunciou que a Consellería do Mar tente culpar aos colectivos da ría da nefasta xestión e pídelle que asuma dunha vez por todas as súas propias responsabilidades

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, preguntou na Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, polas medidas que se van a tomar dende a Consellería do Mar, para a recuperación, “antes de que sexa demasiado tarde”, dos bancos de libre marisqueo da Ría de Arousa.

Despois das campañas dos últimos anos do libre marisqueo na ría de Arousa, “desastrosas” segundo sinalou Rosana Pérez. No ano 2023, a propia Conselleria tivo que decretar o seu peche apenas tres meses despois de ter comezado. Este ano, tamén apenas 10 días despois de comezar, “o sector xa estaba practicamente sen expectativas e vendo, outra vez, o fracaso que se lles viña enriba”.

A deputada nacionalista denunciou como dende a Xunta eluden as súas responsabilidades e buscan culpar, nun primeiro momento, “á choiva, á temperatura da auga, á baixa salinidade”, e agora mesmo trasladan a responsabilidade á Asociación Rañeiros da Ría. Rosana  Pérez cualificou de “bastante cobarde” a actitude da consellería, pois é a que ten as competencias exclusivas.

O BNG leva manifestando de forma insistente durante estes últimos cinco anos, que a consellería tome cartas no asunto. “Mesmo había confrarías na propia Ría de Arousa que lle solicitaron tomar man deste asunto, porque se vía claramente, que a Asociación de Rañeiros non estaba funcionando” salientou Pérez. Este feito explica que a partir do 24 de xaneiro de 2024, revertese de novo a xestión na propia consellería.

“Temos outro culpábel máis” apuntou a deputada, despois de ter escoitado á directora. Trátase das axudas da consellería que dende o BNG sempre se criticou por ter “unha execución nefasta e o seguimos mantendo até que se demostre o contrario” e que dende a consellería cualifican de “moi complexas”. Rosana Pérez sinalou que dende a Xunta non tomasen medidas antes para solucionar a complexidade da tramitación e recrimina que as familias que se adican ao sector tivesen que esperar nove meses para cobras este subsidio.

O BNG instou ao goberno do Partido Popular a acometer as medidas necesarias para tratar de reverter a situación actual, a cal están a vivir os traballadores e traballadoras deses bancos despois de anos reclamándolle medidas de calado e, finalmente, sen que se teña posto en marcha ningunha.