BNG exixe á Xunta “día e hora” para desbloquear con empresa e traballadorxs a crise de IKF na Guarda
“O que lle pedimos é un compromiso concreto, señora conselleira: o que lle pedimos é día e hora no que vai convocar en San Caetano a empresa e representantes das e dos traballadores de IKF na Guarda para desbloquear a súa situación e que poidan sentarse no AGA para acadar un acordo xusto para os traballadores e que garanta futuro e emprego de calidade para toda a comarca do Baixo Miño”.
Así apelou o deputado nacionalista Manuel Lourenzo á titular da Consellería de Emprego e Igualdade nunha pregunta parlamentaria para buscar unha solución á situación laboral na que se atopa o cadro de persoal de IKF (Imerys Kiln Furniture), que leva en folga dende o pasado 14 de xullo, segundo explicou, por loitar contra unha dobre escala salarial que a empresa pretende impoñer unilateralmente; por protexer a todas e todos os traballadores coa forza da solidariedade, xa que sendo unha minoría as persoas afectadas, únense para reivindicar dereitos laborais; e por defender o futuro da comarca do Baixo Miño, “porque se permiten a precarización laboral de IKF están a precarizar a toda a sociedade do Baixo Miño, dende a hostalaría até o comercio local”.
“Dereitos, solidariedade e futuro, iso é o que poñen enriba da mesa as traballadoras e traballadores de IKF e iso é tamén o que vén poñer enriba da mesa o BNG”, incidiu Lourenzo, para a continuación censurar que a dirección “pretenda que un mozo novo da Guarda ou do Rosal, que se incorpore á empresa cobre entre 5.000 e 9.000 euros anuais menos ca outro traballador cando están realizando exactamente as mesmas funcións”.
Neste sentido, tamén reprobou que a empresa négase a sentarse a negociar a menos que as e os traballadores acepten a imposición dunha discriminación salarial que pretende prolongar entre seis ou dez anos, dependendo de se acada ou non o 18,5% no groos margin de beneficios e recalcou que o cadro de persoal “quere sentarse a negociar no AGA sen condicionantes e con toda a disposición de chegar a acordos”, mentres a empresa está instalada “na chantaxe e na imposición e di que ou se aceptan as súas condicións precarias ou nin sequera senta a falar”.
“Vostede sabe que a directora xeral de Relacións Laborais mantivo unha xuntanza cos representantes do comité de empresa na que amosaron a súa vontade de chegar a acordos”, apelou á conselleira, a que tamén lle recordou que IKF “ten recibido axudas públicas e que dende a Xunta teñen ferramentas e foros máis que suficientes para conseguir que a empresa se sente a negociar”. Por iso, exixiu ao Goberno galego que medie neste conflito, “unha demanda unánime no Baixo Miño”, ao tempo que censurou que o PP “diga unha cousa en Oia, na Guarda ou no Rosal e vostede veña aquí e diga o contrario”.
“Por respecto ás e aos traballadores que nos acompañan hoxe neste pleno do Parlamento e que levan semanas en folga co impacto que isto ten para as súas familias, deixen de botar balóns fóra e comprometa día e hora para desbloquear esta situación”, concluíu.