BNG exixe á Xunta que deixe de mirar para outro lado e actúe xa ante o agravamento da pobreza no país pola crise da COVID
O BNG reclama ao Goberno galego que “deixe de mirar para outro lado” na súa política económica e actúe xa para evitar a consolidación da pobreza no país e o seu agravamento pola crise derivada da pandemia. “Necesitamos dun cambio transversal e profundo de políticas para actuar sobre a pobreza e que a COVID non sexa unha fenda social brutal”. Así o reclamou no Parlamento galego a deputada Noa Presas, logo de repasar os últimos informes publicados neste sentido e que advirten dun empeoramento da situación en Galiza.
Presas lembrou que xa en 2019 o 24,3% da poboación se atopaba en risco de pobreza ou exclusión social (a chamada taxa AROPE), segundo o INE, o que evidencia que “o fracaso das políticas impulsadas pola Xunta estaban aí antes da pandemia”. “Temos a responsabilidade de evitar que se repitan os mesmos erros que en 2008 -reivindicou- porque o saldo desta última década resúmese en que os ricos se fixeron máis ricos e os pobres máis pobres”.
Para a deputada nacionalista a debilidade dunha estrutura económica cun sobrepeso dos ámbitos máis precarizados do sector servizos non son inocuas, senón que contribúen a dificultar a obtención dun traballo digno. Logo de aludir ao concepto desgraciadamente xa normalizado do “traballador pobre”, apuntou a outro dos factores determinantes de empobrecemento, o acceso á vivenda, sobre o que o Informe FOESSA alertaba en 2018 situando xa entón a exclusión residencial nun 35% da poboación galega.
Presas non quixo esquecer tampouco a fraxilidade específica do colectivo de maiores de 65 anos e o impacto da mal chamada economía informal, “afectando a persoas que non eran traballadoras a ollos do sistema e que agora están totalmente desprotexidas”. Nesta liña tamén recalcou as cifras arroxadas pola enquisa conxuntural a fogares do terceiro trimestre deste ano e que reflicte que a metade dos fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes, un contexto que cualificou de “estrutural”.
“Con estes vimbios e o impacto da COVID19, a situación está agravándose porque hai menos capacidade de resistencia que no 2008”, advertiu, para alertar tamén sobre as actuais “colas dos bancos de alimentos” e concluír reclamando ao Goberno do PP un enfoque transversal do empobrecemento e a rectificación da súa política económica.