BNG exixe á Xunta dar solución ás e aos investigadores que traballan nas convocatorias María Zambrano e Margarita Salas
Daniel Castro denunciou que a situación destas investigadoras “é de absoluta incerteza e indefensión” ao ver como os seus contratos rematan a finais de ano sen ter ningunha información de cal vai ser o seu futuro
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, instou á Xunta de Galiza a realizar, “no menor tempo posible”, os trámites necesarios para garantir a continuidade no ano 2025 das convocatorias María Zambrano e Margarita Salas para as investigadoras e investigadores galegos.
“A investigación é un dos piares fundamentais para que as sociedades avancen tanto cientificamente como no seu nivel de benestar” salientou Castro. Por esta razón, o BNG manifestou que todos os gobernos deben facer unha aposta importante pola mesma, con grandes políticas públicas que favorezan o desenvolvemento da carreira investigadora no noso país e que eviten que os galegos e galegas máis e mellor formados teñan que marchar ao estranxeiro para seguir cos seus proxectos.
Para Daniel Castro a situación das e dos investigadores galegos cunha bolsa María Zambrano e Margarita Salas "é de absoluta incerteza e indefensión". Neste momento todas as investigadoras e investigadores están a ver como os seus contratos rematan a finais de ano ou incluso antes, sen ter ningunha información de cal vai ser o seu futuro.
O deputado nacionalista denunciou que a Xunta de Galiza leva meses sen responder ás chamadas e peticións de reunións do colectivo galego da María Zambrano. Unha situación que se está a desenvolver co silencio das administracións e cunha Xunta de Galiza que segundo Castro, “fuxe dos problemas e que é incapaz de darlle unha solución a toda esta xente”, cando ten plenas competencias sobre as universidades galegas.
“Vemos como o goberno do PP segue sen facer un mínimo esforzo por reter todo o talento que temos no país, deixando no esquecemnto a toda esa xente que decidiu inventigar e facelo en Galiza” concluíu Castro.