Parlamento Galego

BNG exixe á Xunta cumprir coas recomendacións urxentes do Consello de Europa para mellorar a situación do galego

Iria Taibo

Iria Taibo denunciou que o conselleiro de Lingua elude as súas responsabilidades para pór en marcha as medidas propostas polo Comité de Expertos do Consello de Europa para o fomento do uso da lingua galega

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, interpelou ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude deste mércores no Parlamento galego antes as medidas incumpridas que se indican no 6.º informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento no Estado español da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias publicado o pasado mes de setembro.

Iria Taibo salientou varios dos incumprimentos que se plasma no informe en ámbitos clave para a protección e o futuro da lingua galega como o ensino “con graves incumprimentos na dispoñibilidade de galego en varios niveis educativos, ademais da prohibición de impartir certas materias en lingua galega” como resultado do mal chamado Decreto de Plurilingüísimo. A sanidade é outro dos sectores sinalados, sobre todo no que se refire aos centros de atención sanitaria, “o galego só se usa formalmente na sinalización ou na documentación, mais o persoal non recibe indicacións para usar o galego” denunciou a deputada.

Mais non son os únicos ámbitos, sinalou Taibo. No que se refire á xustiza, “a imposibilidade de que os procedementos se leven a cabo en galego”, só a petición dunha das partes ou como o coñecemento de galego deixa de ser un requisito para o acceso á función pública.

De feito, Iria Taibo apuntou que as recomendacións de acción urxente son, a meirande parte elas, “competencia directa do goberno galego”. Entre as medidas resaltadas pola deputada nacionalista do informe do Comité de Expertos encóntrase a eliminación das limitacións que impiden que o galego sexa lingua vehicular das materias de ciencias, tomar medidas para garantir o uso do galego nas instalacións sociais e sanitarias ou garantir, por medio de medidas axeitadas, que os falantes de galego poidan relacionarse na súa lingua coas delegacións da administración do Estado.

Estas medidas tamén están incluídas tanto na Lei de Normalización Lingüística como no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega “que acaba de facer 20 anos”, polo que Taibo manifestou que “é imprescindíbel que os esforzos do goberno galego”, tanto desde a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude como desde as áreas correspondentes  da Consellaría de Educación, no que ten que ver coa área educativa, da Consellaría de Presidencia no que ten que ver coa administración de xustiza ou da Consellaría de Sanidade, no que ten que ver coa área sanitaria, “se encamiñen a corrixir canto antes as situacións indicadas, que limitan os dereitos lingüísticos das persoas que falan galego”.

En definitiva, o goberno galego ten moita marxe de manobra para mellorar a situación da lingua galega, tanto no marco da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias como da Lei de Normalización Lingüística ou do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.