BNG exixe á Xunta cumprir coas actuacións integrais en materia de seguridade viaria na PO-313
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos, na Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, exixiu á Xunta de Galiza tomar as medidas necesarias en materia de infraestruturas e seguridade viaria na PO-313 ao seu paso polo barrio de Broullón no Concello de Moaña.
No tramo que percorre o barrio de Broullón a estrada carece de medidas de seguridade para as persoas que a transitan a pé. Este barrio está a medrar en poboación e a presenza de crianzas e persoas maiores que precisan do transporte público está tamén en aumento.
O deputado nacionalista salientou que non só o Concello, “senón que os veciños e veciñas da parroquia, a través da Asociación de Veciños e Veciñas de Broullón, teñen demandado en numerosas ocasións que se acondicionen as beiravías para o paso máis seguro das persoas”, tamén a instalación dalgún paso de peóns, “mesmo con semáforo”.
Tal e como temía o BNG, o Partido Popular de Moaña mentiu cando dixo que a Xunta de Galiza presentaría un proxecto redactado para esta actuación no mes de setembro, “xa que o propio Director Xeral da Axencia de Infraestruturas confirmou que a previsión da Xunta de Galiza é a de sacar a exposición pública este proxecto no primeiro semestre do ano 2025” apuntou. O que se demostra tamén é que o Partido Popular e a Xunta ocultaron a información sobre os avances na avaliación desta actuación xa que nin a veciñanza nin o Concello tiña constancia das previsións da Xunta nesta cuestión.
Paulo Ríos destacou que agora, a veciñanza, o Concello e o propio BNG “redobraremos os nosos esforzos para facer que a Xunta de Galiza cumpra co seu compromiso de sacar a exposición pública este proxecto no primeiro semestre do 2025”.