BNG exixe á Xunta aumentar os recursos para saúde mental, no canto de anuncios que non se concretan en medidas reais
Montserrat Prado reclama 21 millóns de orzamento xa para 2022 e reproba ao PP que anuncie un Plan sen definir como se está facendo efectivo
Censura que os 83 millóns anunciados a catro anos só cubrirían a metade dxs profesionais considerados necesarios xa hai 25 anos polo Sergas
BNG defendeu no Parlamento galego un paquete de medidas que permitan sacar á saúde mental “do confinamento no que leva anos” e que segundo a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, “se atopa nunha situación de parálise” logo de 12 anos de Goberno do PP no que non ten actuado a pesares dos indicadores que mostran un grave empeoramento neste ámbito que a pandemia agravou, deixando en evidencia “que se antes da COVID19 os servizos de saúde mental eran raquíticos, agora son absolutamente insuficientes”.
Prado considerou urxente incrementar os recursos para a atención á saúde mental, fronte aos anuncios do Executivo Feixóo que seguen sen concretarse en medidas reais e, neste sentido, acusou ao grupo parlamentar do PP de “facer demagoxia” cun tema vital e reproboulle repetir coma “un mantra” o Plan sen que este se faga realidade. “O Goberno galego ten que dar contas de como está efectivizando eses anuncios que fai”, criticou, para pedir a continuación un estudo de diagnose da situación da saúde mental en Galiza e unha memoria de aplicación do citado Plan.
Así, a deputada nacionalista advertiu que o denominado Plan de Saúde Mental 2020-2024 anunciado xa a finais de 2020 cun investimento de 83 millóns para os próximos catro anos non deixa de ser un anuncio máis “porque logo esquecen poñer as partidas precisas no orzamento”, polo que reclamou un incremento orzamentario da Xunta para 2022 dos recursos destinados a sufragar este plan nunha contía mínima de 21 millóns, logo de lembrar que a contía para saúde mental apenas superou o millón de euros no orzamento 20201.
Prado incidiu en que, no caso de non incrementar o orzamento, no mellor dos casos e cos recursos anunciados, só se cubriría a metade do persoal preciso segundo unha valoración realizada polo propio Sergas hai 25 anos, concretamente en 1997. “Vinte e cinco anos despois, con recortes, taxas de reposición, crise de 2008 e agora a pandemia, coa crise económica e social que leva aparellada, o Plan do PP representa a metade dos profesionais que facían falta xa hai 25 anos, antes de todo isto; e nin esa previsión raquítica cumpren”, criticou.
Logo de subliñar que o Goberno galego segue sen cumprir a incorporación de profesionais prevista para os anos 2020 e 2021, exixiu máis orzamento e máis persoal especializado para atender aos galegos e galegas con problemas de saúde mental, para rematar coas listas de espera (segundo subliñou, as do servizo de psiquiatría son as máis altas do Sergas, con 7.020 persoas agardando unha primeira consulta en xuño deste ano) e coa sobreutilización do tratamento psicofarmacolóxico e para realizar unha abordaxe inmediata da prevención do suicidio.
Prado propuxo ademais a implantación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas de psicólogxs clínicos, terapeutas ocupacionais, traballadorxs sociais, logopedas e demais espacialistas que permita a creación de equipas multidisciplinares e prestar a atención integral precisa. “Unha de cada tres consultas en Atención Primaria ten que ver con cuestións de saúde mental, fundamentalmente depresión e ansiedade”, alertou.
De igual xeito, defendeu a necesidade de garantir a atención sanitaria ás persoas en situación de grave vulnerabilidade psicosocial e a incorporación da perspectiva de xénero na planificación e na atención á saúde mental, para reducir as desigualdades e a discriminación neste ámbito de actuación.
Galiza encabeza as estatísticas de problemas de saúde mental, suicidio, prescrición e consumo de psicofármacos, mentres se sitúa á cola de profesionais
Durante a defensa da proposición non de lei nacionalista, a portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG incidiu en que a actuación da Xunta urxe para abordar un problema que xa acada “unha enorme dimensión” no País. Nesta liña recordou o importante incremento da prevalencia dos problemas de saúde mental, onde Galiza (xunto a Asturias) encabeza as estatísticas tanto de depresión como de ansiedade, unha magnitude do problema que contrasta coa dificultade para acceder aos servizos públicos de saúde mental. “Só 1 de cada 3 persoas con trastorno mental acude aos servizos sanitarios, a metade das persoas con trastorno mental grave e 3 de cada 4 de intensidade moderada. As persoas afectadas tardan en acudir e cando o fan atopan un servizo saturado, dados os déficits crónicos dos cadros de persoal”, advertiu.
Cómpre subliñar que a media de psiquiatras no País é de 2,3 por cada 100.000 habitantes, cando na UE esta cifra ascende a 18; un déficit que pode estenderse tamén ás e aos profesionais da psicoloxía clínica, onde na UE se sitúa tamén en 18 por cada 100.000 habitantes, en 26 no conxunto dos país da OCDE e en 6 no Estado, mentres que en Galiza a media é de 3,5.
O actual cadro de persoal representa o 68% do preciso en psiquiatría, o 50% en psicoloxía, 0 27% en traballo social, o 32% en terapia ocupacional e o 49% en enfermaría. “Estamos á cola do Estado”, resumiu Prado, para a continuación advertir tamén sobre o aumento exponencial da prescrición e consumo de psicofármacos, liderado por Galiza a nivel estatal e da enorme preocupación existente no ámbito sanitario ante o aumento do número de suicidios, especialmente entre a xente nova. De feito, quitáronse a vida 3.652 persoas no noso País entre 2010 e 2020, 307 nese último ano, segundo os datos recollidos na memoria do IMELGA, cifras que sitúan a Galiza tamén coa maior taxa de suicidios do Estado.