BNG exixe á Xunta que abra unha investigación na residencia de Laraxe ante o seu alarmante nivel de contaxios por COVID
BNG exixe á Xunta que abra un expediente de investigación na residencia de Laraxe que DomusVi xestiona en Cabanas ante o “alarmante nivel de contaxios” por COVID19 que presenta o centro e que ascende xa a 77 persoas das 170 usuarias que se atopan no residencial, unha cifra moi superior ás 44 que se están a comunicar oficialmente.
Así llo trasladaron as representantes sindicais da CIG nos distintos comités dos centros que a compañía ten en Ferrolterra á portavoz nacional, Ana Pontón, e ao deputado por Ferrol, Ramón ‘Mon’ Fernández, nunha reunión mantida no Parlamento galego.
Ante a grave situación que se está a dar na residencia de Laraxe, o BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para que “a Xunta abra de inmediato unha investigación a DomusVi” a fin de comprobar se cumpre coas condicións para a prestación do servizo estipulado nos acordos coa Administración galega neste centro e se as condicións de traballo do seu persoal cumpre as condicións mínimas legais esixibles en canto a xornadas de traballo e de descanso, protección da saúde, ou modificación de tarefas.
Neste sentido, Mon Fernández lembra que as representantes sindicais da CIG, central absolutamente maioritaria nos centros que a compañía ten na comarca, xa fixeron públicas as súas denuncias sobre os motivos do “descontrol” que padece o centro e que pasan pola falta de protocolos axeitados, a escaseza de EPIS e o desleixo das direccións ante os riscos da pandemia; pola negativa a reforzar os cadros de persoal, a obriga imposta ao persoal de realizar tarefas para a que non está formado ou a prolongación e modificación de xornadas de xeito abusivo provocando sobrecarga de traballo.
O deputado nacionalista recrimina a actitude de DomusVi que, lonxe de escoitar ás representantes sindicais, que levan moito tempo advertindo das gravísimas deficiencias que sofre o centro e pedindo unha reunión coa dirección para buscar solucións, “non só nin sequera as escoita senón que emprende contra elas unha campaña de desprestixio obrigando ao persoal a asinar documentos contrarios ás denuncias que fixeron públicas”. “Todo un modelo de xestión para unha empresa encargada de velar pola saúde e o dereito a unha vellez digna dos nosos maiores”, critica.
De igual xeito, o BNG cuestionará ao Goberno galego como explica que os datos que se comunican oficialmente non coincidan cos reais e sobre o estado das denuncias presentadas pola representación legal do persoal, que xa fixo un chamamento público ao Executivo de Feixóo para que tome medidas na defensa dos dereitos das persoas usuarias en primeiro lugar e na das traballadoras, “dúas reivindicacións que van parellas
necesariamente, xa que o respecto escrupuloso dos dereitos do persoal é a mellor garantía para a saúde e o benestar das persoas usuarias, asuntos ambos sobre os que a Xunta ten competencias de inspección e control”, conclúe Fernández.