BNG exixe “solucións inmediatas” para tramitar as reducións de cota para autónomas tras a lactación
Néstor Rego denuncia a pasividade do executivo por non estar a aplicar esta medida que contribúe á conciliación da vida laboral e familiar
O Goberno do Estado admite, a través dunha resposta á preguntas do BNG, o retraso na tramitación da bonificación do 100% para as situacións de risco durante a lactación
O Bloque Nacionalista Galego denuncia, após coñecer os continuos retrasos do Goberno do Estado para aplicar a bonificación do 100% na cota de autónomas para as mulleres en situación de risco durante a lactación, a pasividade do executivo para aplicar as medidas e a conciliación da vida laboral e familiar. O Goberno do Estado, a través dunha resposta a unha iniciativa do BNG, argumenta que existen problemas informáticos e que esta situación mellorará a partir de xullo, mais o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe axilidade e actuacións inmediatas para solucionar este problema.
Após ter constancia de varios casos de mulleres traballadoras autónomas con dereito a unha redución/bonificación na cota que non se lles está aplicando, o BNG decidiu rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer a previsión do Goberno do Estado para solucionar este problema. Pola contra, a resposta do executivo sorprendeu a frente nacionalista xa que, nunha resposta do Goberno sinala que “para dar solución a esta situación estimase como data probábel o mes de xullo”.
“Exiximos solucións inmediatas para tramitar as reducións na cota de autónomas para as mulleres en lactación. Algúns casos levan esperando por unha solución máis de dous anos e o Goberno aínda pretende esperar até verán para solucionalo” exixe o deputado do BNG no Congreso. Para Néstor Rego, esta é unha medida importante “que contribúe á conciliación da vida laboral e familiar”.
Se o problema está no sistema informático, sinala Rego despois de coñecer a resposta do Goberno, “podería resolverse facilmente mediante a modificación do programa informático incluíndo novos epígrafes”. “Non é xusto que non se dea unha solución áxil e inmediata ás mulleres afectadas e que teñan que seguir esperando, mentres nas oficinas da Tesourería Xeral da Seguridade Social non resolven o problema e vanse pasando esta cuestión entre a delegación da Coruña e a central de Madrid” asevera o deputado do BNG no Congreso.
“As mulleres teñen dereito á prestación por risco na lactación natural, mais a Tesourería Xeral da Seguranza Social –dependente do Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións- continúa sen aplicar esta medida por falta de vontade política, escudándose nun problema informático durante máis de dous anos” denuncia Rego.